A Xunta apoiou a 25 veciños de Ferrol, Eume e Ortegal menores de 36 anos na adquisición da súa vivenda o pasado ano

En febreiro publicouse unha nova convocatoria desta liña de incentivos que poderán solicitarse nos municipios de ata 10.000 habitantes, todos os das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal agás Ferrol, Narón e Fene

O importe máximo da subvención é de 10.800 euros por vivenda e o prazo para a presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de outubro

Valdoviño (A Coruña), 13 de marzo  de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá o concello onde unha parella resultou beneficiaria das axudas para a adquisición de vivendas en municipios de ata 10.000 habitantes en 2022, unha convocatoria que facilitou o acceso a unha vivenda a 25 veciños de Ferrol, Eume e Ortegal grazas a un investimento de 215.000 euros.

Tras lembrar que o pasado 7 de febreiro a Xunta publicou unha nova convocatoria desta liña de axudas, Aneiros animou á xuventude da bisbarra a aproveitar estes incentivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que poderán solicitarse ata o próximo 31 de outubro e para as que a Xunta ten reservado este ano un orzamento global de 2,55 M€ para estas subvencións.

Como lembrou a delegada, o programa vai dirixido a persoas menores de 36 anos, unha das franxas de poboación que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder a unha vivenda en propiedade. Para facilitarlles dar este paso, segundo explicou Aneiros, poderán acceder a unha axuda directa de ata 10.800 euros por inmoble, sempre que a contía non supere o 20 % do prezo de compra.

Ademais para beneficiarse do programa terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Os mozos interesados en acollerse a estes incentivos poderán solicitalos sempre que o inmoble adquirido (que pode ser novo ou usado) non custara máis de 120.000 euros e estea localizado nun dos municipios galegos que teñen unha poboación de ata 10.000 habitantes. Deste xeito, poderían acollerse todos os da comarca a excepción de Ferrol, Narón e Fene.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2023