A Xunta mellorará a impermeabilización da cuberta do centro de día público de Caranza

Destinaranse preto de 26.000 euros a estes traballos que comezarán nos vindeiros días

Ferrol, 13 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia acometerá obras de mellora no centro de día público para persoas maiores de Caranza, co obxectivo de mellorar a súa impermeabilización para eliminar filtracións e humidades que afecta a varias estancias do edificio, principalmente á sala de usos polivalentes. O Executivo autonómico destinará preto de 26.000 euros a estes traballos que xa están contratados e que comezarán nos vindeiros días.

 

Esta actuación levarase a cabo despois de que técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar —ente autonómico ao que pertence o centro— visitaran a infraestrutura para comprobar o seu estado. Nesta inspección detectáronse deficiencias no estado da cuberta axardinada que se solucionarán coa actuación proxectada.

 

A intervención consistirá, basicamente, na retirada da capa vexetal da cuberta axardinada para revisala por completo e reforzar a lámina impermeable da mesma. Así mesmo, evacuarase e reconducirase a auga existente no falso teito da sala polivalente mediante a colocación de bandexas no mesmo.

 

Outras actuacións

Estas obras súmanse a outras acometidas con anterioridade neste centro de día ao que acoden diariamente unha trintena de usuarios. Entre estes traballos, salientan a mellora do sistema de saneamento ou a instalación dunha rampla de acceso ao centro.

 
Data de actualización: 13/03/2023