O conselleiro do Medio Rural entregou hoxe as cartas de artesán a nove novos operadores do distintivo

A Xunta pon en valor o medio cento de empresas adheridas ao selo Artesanía Alimentaria no Merca Delicadeza que se clausura hoxe en Lalín

José González valorou a oferta deste mercado no que están presentes unha trintena de artesáns, mostrando os seus aceites, lácteos, conservas, embutidos, patés, tés, especias, marmeladas, repostería, xeados, sidra, cervexas ou mel

Anunciou que a iniciativa, que neste caso se fai coincidir co primeiro aniversario da publicación das normas técnicas do selo, se repetirá nas outras tres provincias galegas

Lalín (Pontevedra), 12 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, participou hoxe na clausura de Merca DelicaDeza, o mercado organizado pola Axencia en colaboración co Concello para poñer en valor o distintivo Artesanía Alimentaria. Alí, fixo entrega das cartas de artesán a nove novos operadores do selo, destacando que se alcanza xa a cifra de medio cento de adheridos.  

En concreto, recibiron as cartas de artesán da man do titular de Medio Rural a sociedade Caurelor, de Quiroga, dedicada ás conservas; Soluciones Técnicas Esdinela, de San Cristovo de Cea, polas súas marmeladas; a láctea sociedade cooperativa A Meixoeira, de Moaña; o produtor de sidra da Estrada Víctor Manuel Peroja; a sociedade Anades Galicia que elabora patés en Vilardevós; a artesá de embutidos en Vila de Cruces Emilia Blanco; a sociedade cooperativa Condado A Paradanta das Neves, polo seu requeixo; María José Tallón, que elabora desecados en Silleda e a pasteleira sociedade cooperativa Silvans, de Taboada.  

Na súa intervención, o conselleiro anunciou que a iniciativa, que neste caso se fai coincidir co primeiro aniversario da publicación das normas técnicas do selo, se repetirá nas outras tres provincias galegas. Neste caso, quixo enxalzar a participación dunha trintena de artesáns cos seus respectivos postos, con produtos como aceites, lácteos, conservas, embutidos, patés, tés, especias, marmeladas, repostería, xeados, sidra, cervexas ou mel. 

Precisamente para apoiar producións deste tipo en particular, e das provistas con selo de calidade en xeral, o titular de Medio Rural lembrou que, neste 2023, destínanse preto de 5,5 millóns de euros á promoción de produtos agroalimentarios. Referiuse a outras medidas da Xunta como os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, que permiten impulsar sinerxías entre a xestión do territorio e as producións de calidade como as distinguidas co selo Artesanía Alimentaria, avanzando ademais na anticipación aos incendios forestais.  

Tamén fixo alusión á potencialidade das estratexias sectoriais –dos sectores lácteo, vitivinícola e cárnico–, coidando posicionar a nosa comunidade como rexión de referencia destas producións, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. Estratexias que están á par coa futura Lei da calidade alimentaria, cuxo principal obxectivo será conseguir que os produtos alimentarios galegos –tamén artesanais– acaden unha nova dimensión no mercado.  

Cómpre engadir que Merca Delicadeza remata hoxe tras tres días de actividades. Máis aló dos 30 postos de venda ao público, nos que só se expuxeron e venderon produtos certificados co distintivo de Artesanía Alimentaria, programáronse faladoiros divulgativos, demostracións de cociña, obradoiros, concertos e sorteos tanto para adultos como para os máis pequenos e que se prolongarán deica esta tarde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023