A Xunta informa da constitución do consello regulador da denominación de orixe Valdeorras

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe (DO) Valdeorras, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro. 

Así, este novo pleno quedou conformado por 1 vogalía para o Sindicato Labrego Galego; 1 para a Candidatura Independente por DO Valdeorras de Prestixio e Maior Calidade; 2 para a Candidatura Independente de Viticultores Independentes de Valdeorras; 1 para Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e as 2 vogalías restantes para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias. 

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma José Ramón Rodríguez Castellanos, novo no cargo; mentres que a vicepresidencia primeira -sector industrial- será asumida por Roberto Fernández García, de Adega A Coroa SAT, tamén novo no cargo. En canto á vicepresidencia segunda -sector produtor- será asumida por Antonio García Fernández; e a vicepresidencia terceira -sector cooperativo- será asumida por Manuel Fernández Pérez, de Bodega Cooperativa Jesús Nazareno SCG; en ambos casos repiten no cargo.  

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.  

Ao longo da semana quedarán constituídos os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia e Pataca de Galicia; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o novo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023