Os descontos no transporte público autonómico bonificaron desde setembro 7,5 millóns de viaxes en Galicia, o 75% dos desprazamentos

A Xunta estima que o número de beneficiarios poderá roldar os 14 millóns ata finais de xuño, data ata a que estará en vigor a bonificación adicional do 50%


Os usuarios do transporte público beneficiáronse nos últimos 5 meses de descontos por importe de máis de 12 M€, 11,2 M€ polo uso das Tarxetas de Mobilidade de Galicia e 930.000 € ao empregar os bonos existentes


As bonificacións supoñen un aforro mínimo do 55% no billete, acadando o 100% coa tarxeta Xente Nova, coa que máis de 135.000 menores de 21 anos viaxan gratis no transporte interurbano
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023

Os descontos no transporte público autonómico bonificaron desde o mes de setembro 7,5 millóns de viaxes en Galicia, o que supón o 75% dos desprazamentos realizados no transporte público de competencia da Xunta.

 

Así o recolle o Informe sobre o balance das bonificacións no transporte público autonómico desde a implantación do desconto adicional do 50% no prezo do billete o pasado mes de setembro. Este documento foi avaliado esta semana no Consello da Xunta.

 

A bonificación do 50% inclúe tamén os servizos de transporte urbano de Ferrol e de Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través de concesións autonómicas e vén sumarse ás bonificacións que a Xunta ten activas no marco do Plan de Transporte Público de Galicia.

 

A Xunta, atendendo aos datos de evolución de usuarios, estima que o número de viaxeiros beneficiados polas bonificacións poderá roldar os 14 millóns ata finais do mes de xuño, data ata a que estará en vigor a bonificación adicional do 50%.

 

Do total de 7.406.879 viaxes bonificadas desde setembro de 2022 e ata xaneiro deste ano, o 95% correspóndense con viaxes no autobús interurbano (7.042.719 viaxes), un 5% no transporte marítimo da ría de Vigo (363.953 viaxes) e tan só un ínfimo 0,003% (207 viaxes) no tren FEVE de Ferrol, un claro indicador da falta de calidade do servizo de tren de vía estreita, tanto no que se refire aos horarios como aos propios trens con que se presta, que precisan dunha modernización urxente.

 

Os usuarios do transporte público autonómico beneficiáronse nos últimos cinco meses de descontos por un importe global que supera os 12 M€, 11,2 M€ polo uso das Tarxetas de Mobilidade de Galicia (TMG e Xente Nova) e 930.000 € ao empregar os bonos existentes.

 

Este sistema de bonificacións, a través do emprego de tarxetas ou bonos, supón un aforro mínimo do 55% no billete, que pode chegar ata o 100%, no caso do uso da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no transporte interurbano.

 

A día de hoxe, son xa máis de 135.000 os menores de 21 anos que dispoñen da tarxeta Xente Nova, que no ano 2022 permitiu bonificar máis de 5 millóns de viaxes, a cifra máis alta de viaxes bonificadas desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2016, cun incremento do 62% con respecto ao ano 2021.

 

En relación aos datos por provincias, na da Coruña, un total de 4.851.662 viaxeiros víronse beneficiados polos descontos activos no transporte público autonómico; na de Pontevedra, 1.984.466; e nas de Ourense e Lugo, 309.024 e 261.727, respectivamente.

 

Aínda que a provincia coruñesa rexistra a maior porcentaxe de beneficiarios, o maior crecemento porcentual de usuarios do transporte autonómico nestes cinco meses produciuse nas de Lugo e Ourense, cun 47% e un 41%, respectivamente. En terceiro lugar, estaría a provincia da Coruña, cun crecemento do 31% e, por último, Pontevedra cun aumento do 27%.

 

No que se refire á evolución da demanda global, no período que vai de setembro de 2022 a xaneiro de 2023, o número de viaxeiros totais, que se corresponde cos usuarios que pagaron a viaxe coas Tarxetas de Mobilidade de Galicia ou en efectivo, ascendeu a máis de 9,8 millóns. Esta cifra significa un aumento do 31% de usuarios con respecto ao mesmo período do ano anterior.

 

Aumento do uso das Tarxetas de Mobilidade de Galicia

En canto ao método de pago, cómpre destacar o aumento significativo do emprego das Tarxetas de Mobilidade de Galicia e a redución do abono en efectivo. Así, a finais de decembro do 2022, o 77% dos viaxeiros usaban a tarxeta como método de pago nos seus desprazamentos no transporte público da Xunta, fronte ao 55% que o facían no mes de agosto, o mes previo á entrada en vigor das bonificacións adicionais do 50%.

 

Este incremento no uso das tarxetas tamén se aprecia na emisión de novos dispositivos, que se acelera no último cuadrimestre do ano 2022, onde se concentra o 54% do total de tarxetas emitidas durante o ano: desde setembro os viaxeiros solicitaron 51.186 Tarxetas de Mobilidade de Galicia, fronte ás 42.810 emitidas nos oito meses anteriores, o que incide tamén nunha maior fidelización do usuario ao transporte público autonómico.

 
Aposta polo transporte público

O Goberno galego vén intensificando nos últimos anos a aposta polo transporte público, cuxos servizos están blindados cun investimento autonómico de máis de 90 M€ ao ano.

 

A Xunta, a través do Plan de Transporte Público de Galicia, está a ofrecer aos cidadáns máis e mellores servizos e cunhas tarifas máis económicas e descontos que favorecen o seu uso.

 

No marco deste Plan, as bonificacións establecidas pola Xunta a través do emprego da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, TMG, dá dereito a diversos descontos, que son acumulables entre eles.

 

En primeiro lugar, efectuar o pago coa tarxeta TMG supón un 10% de desconto sobre a tarifa en efectivo. Engádese ademais a bonificación por recorrencia, cun desconto do 25% para o volume de viaxes comprendido entre 21 e 40 e realizadas no mesmo mes natural, e dun 50% a partir das 40 viaxes.

 

Por outra parte, a tarxeta Xente Nova permite aos menores de 21 anos viaxar de forma gratuíta no transporte público interurbano, competencia da Xunta de Galicia, incluíndo de forma adicional o transporte de ría en Vigo e no tren de ancho métrico en Ferrol.

 

De forma complementaria, existen outros descontos promovidos pola Xunta, como o bono mensual, con orixe e destino en calquera concello dentro da mesma concesión. Este bono permite realizar ata 50 viaxes ao mes cun 50% de desconto e un prezo mínimo de 50€ en traxectos de ida e/ou volta entre paradas de orixe e destino do mesmo municipio.

 

Tamén está activo o bono mensual de uso ilimitado para algunhas concesións con tráficos cara ou desde algunha das localidades con hospitais cabeceira dos distritos sanitarios, cun desconto do 75% sobre o importe do billete en efectivo correspondente a 44 viaxes e un prezo mínimo de 50€. 

 
Data de actualización: 11/03/2023