A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes da directiva do Consello Galego de Arquitectura Técnica

A Xunta pon en valor o labor dos arquitectos técnicos na difusión das axudas de vivenda en Galicia

Ángeles Vázquez agradece tamén o seu apoio e contribución no seo do Observatorio da Vivenda á modificación das normas de habitabilidade que pretende aprobar o Goberno galego este ano, a cal facilitará o cambio de uso de baixos comerciais baleiros a vivendas

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023

A Xunta resalta o papel desenvolvido polos arquitectos técnicos nos últimos anos na promoción das diferentes liñas de axudas no eido residencial que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo, especialmente as novas subvencións europeas para rehabilitación enerxética convocadas o ano pasado e que permitirán mellorar a eficiencia de máis de 14.500 fogares galegos.

Así llo trasladou durante unha recente reunión a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos profesionais do Consello Galego de Arquitectura Técnica (CGAT), encabezado polo presidente da Xunta de Goberno da entidade, José Manuel Grandío.

Así mesmo, a responsable galega salientou tamén a importancia do apoio recibido por parte deste colectivo —que forma parte do Observatorio da Vivenda de Galicia— á hora de impulsar e orientar a modificación das actuais normas de habitabilidade. Cómpre lembrar que a través desta reforma, en fase de consulta pública previa desde o pasado 24 de febreiro, se facilitará que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para converterse en vivendas.

Aínda que a día de hoxe xa existe a posibilidade de adaptar locais a usos residenciais, en moitas ocasións a autorización deste cambio vese frustrada polas estritas esixencias da normativa galega de habitabilidade. Así, por medio da modificación promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e apoiada polo CGAT, favorecerase a súa reconversión permitíndolle aos concellos simplificar o proceso e contrarrestar o abandono deste tipo de establecementos en determinadas zonas e barrios.

Por outra banda, cómpre poñer en valor a importancia dos arquitectos técnicos a nivel municipal, especialmente nos concellos pequenos, onde son unha peza fundamental e contribúen de forma relevante ao fin de acadar un urbanismo responsable e ordenado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023