A delegada territorial de Ferrol achegouse esta mañá á foodtruck desprazada ao municipio de Neda

Martina Aneiros anima a consumir peixes e mariscos galegos a través da ruta da campaña Galicia sabe aMar que recala estes días en Ferrolterra

Esta iniciativa da Consellería do Mar percorrerá preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago nos que se servirán máis de 200.000 petiscos

Neda (A Coruña), 10 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao municipio de Neda para visitar a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR que estes días recala nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Este iniciativa da Consellería do Mar pretende enxalzar a gran variedade de peixes e mariscos cos que conta a comunidade e as especies características deses produtos da máxima frescura e calidade a través de catro rutas gastronómicas que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago. En total serviranse máis de 200.000 petiscos.

Aneiros celebrou o desembarco da iniciativa na zona onde xa visitou os municipios de Ares e Mugardos e a partir de mañá e ata o luns estará no de Narón, nas inmediacións do centro comercial Odeón en horario de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Tamén está previsto que pase por outros concellos da comarca nos vindeiros días.

A delegada animou aos veciños a achegarse estes días a estas foodtrucks e degustar algunha das 10 receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o mexillón de Galicia, xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

“Con esta campaña a Consellería pretende fomentar a inclusión de produtos do mar como elementos básicos da dieta á par que quere render ademais homenaxe a milleiros de profesionais que durante a pandemia traballaron arreo para que nos fogares galegos non faltase un prato de peixe”, destacou Martina Aneiros.

A representante do Goberno galego emprazou ás persoas interesadas a consultar os perfís de redes sociais da Consellería do Mar onde cada día se irá actualizando toda a información referida aos percorridos e paradas destas rutas gastronómicas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/03/2023