Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural responderon varias preguntas na Comisión 7ª

A Xunta complementa as axudas do pasado verán cunha nova liña para garantir a replantación de castiñeiros afectados polos incendios de xullo de 2022

José Balseiros reiterou que esta nova convocatoria sumarase ás achegas de reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas por eses incendios, que beneficiaron a case 180 propietarios por un importe de máis de 830.000 euros.

Poderase subvencionar a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés en substitución dos danados; e tamén a reparación dos danos causados nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos

A directora xeral respondeu a dúas preguntas relacionadas con procesos de concentración parcelaria de Mondoñedo e Cartelle

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reiterou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento que a Consellería do Medio Rural lanzará en breve unha nova liña de axudas para garantir a replantación de soutos de castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, complementando así as achegas publicadas pola Xunta no pasado mes de xullo destinadas á reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos lumes dese mes. Estas últimas xa beneficiaron a case 180 propietarios por un importe de máis de 830.000 euros.

 

Así, o director xeral reiterou que estas achegas contarán co orzamento preciso para garantir a replantación de soutos necesaria tras os lumes de xullo de 2022, sendo a contía da axuda do 100 % do gasto subvencionable. Neste senso, insistiu en que non haberá requisito de superficie mínima de actuación e, con elas, procederase á corta, recollida e estelado ou á retirada de pés de árbores danados por eses incendios, ademais da roza do souto e da plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados. Tamén se prevé a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos.

 

Desta forma, incidiu o director xeral, queda claro o compromiso da Xunta por recuperar áreas afectadas polos lumes, tamén a través de actuacións que se veñen sucedendo no tempo para incidir na recuperación do solo e evitar a erosión.

 

Procesos de concentración parcelaria

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, respondeu a dúas preguntas relacionadas con procesos de concentración parcelaria. Así, sobre as actuacións pendentes de realizar a cabo na concentración de Mondoñedo Norte -proceso rematado e con títulos entregados-, a directora xeral incidiu en que nun prazo inmediato se van executar ditas obras, que consistirán na ampliación do viario existente, escarificación de antigos tramos de viais, a eliminación dalgún vial que se considera innecesario, entre outras actuacións. Así mesmo, reiterou que os propietarios desta zona de concentración levan facendo uso das novas parcelas desde o ano 2011.

 

No tocante á parcelaria de Cartelle, que conta cunha superficie de 1.114 hectáreas propiedade de 1.123 veciños, a directora xeral anunciou que antes de finalizar este ano prevese remitir á Notaría a acta de reorganización da propiedade e os correspondentes títulos de propiedade. Así mesmo, lembrou que os veciños veñen facendo uso das parcelas desde o ano 2006.

 

Por último, Inés Santé incidiu na aposta da Xunta por estes mecanismos de reorganización e como ferramentas clave para loitar contra o minifundismo con respecto á estrutura territorial da propiedade. Así, destacou que entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Do mesmo xeito, decretáronse entre o ano 2021 e a actualidade un total de 28 novos procesos, que suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares.

Data de actualización: 10/03/2023