O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións de Benteler

A Xunta colabora con Benteler para facer das súas dúas plantas en Galicia un modelo de fábrica intelixente para todo o grupo

A empresa, beneficiaria do programa Fábrica Intelixente, desenvolveu un proxecto que permite a interoperabilidade entre as diferentes plantas cun sistema totalmente integrado e monitorizado de produción

Conde anuncia unha próxima convocatoria desta iniciativa promovida pola Axencia Galega de Innovación e dotada cun orzamento de 24 millóns de euros

Apunta que esta iniciativa xa leva mobilizado 275 M€ e que o sector da automoción acapara máis da metade das axudas, o 62 por cento (47,3 M€)

Vigo, 10 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe a colaboración que a Xunta de Galicia está prestando a Benteler para facer das dúas súas dúas plantas en Galicia -en Vigo e Mos- o centro de operacións para todo o grupo no desenvolvemento da fábrica intelixente.

 

Durante unha visita ás instalacións da factoría de Valadares, en Vigo, Conde remarcou o esforzo tecnolóxico e en I+D+i que Benteler está facendo desde Galicia. Un esforzo, dixo, que comporta 7,5 M€ de investimento aos que a Administración autonómica leva achegado 2,3 M€ a través do programa Fábrica Intelixente, que terá unha nova convocatoria este mesmo ano dotada -a través da Axencia Galega de Innovación- cun orzamento de 24 M€.

 

Este programa de axudas apoiou xa 24 proxectos de 68 empresas e centros de investigación cunha mobilización de 275 M€. O 69 por cento dos investimentos corresponden a oito iniciativas do sector da automoción, que acaparan máis da metade, o 62 por cento, do total das axudas, 47,3 M€. Empresas como Benteler -que xera 725 postos de traballo en Galicia-, Stellantis, Copo, Borgwarner, Akwel Vigo ou GKN.

 

Conde explicou que co apoio destas axudas, Benteler desenvolveu un proxecto que permite a interoperabilidade entre as diferentes fábricas cun sistema totalmente integrado e monitorizado de produción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023