A Xunta celebra os produtos de artesanía alimentaria coa inauguración de Merca Delicadeza en Lalín

Consta de 30 postos de venda ao público, nos que só se expoñerán e venderán produtos certificados co distintivo de Artesanía Alimentaria

O mercado dinamizarase cun programa de actividades variado con faladoiros divulgativos, demostracións de cociña, obradoiros, concertos e sorteos

Lalín (Pontevedra), 10 de marzo de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na inauguración de Merca Delicadeza, xunto co alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Trátase dun mercado para poñer en valor os produtos amparados polo selo Artesanía Alimentaria, organizado pola Axencia en colaboración co Concello. 

Merca Delicadeza comezou hoxe e continuará ata o domingo día 12 en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas. Consta de 30 postos de venda ao público, nos que só se expoñerán e venderán produtos certificados co distintivo de Artesanía Alimentaria. Ademais, o mercado dinamizarase cun programa de actividades variado para todas as idades con demostracións de cociña, obradoiros, concertos e sorteos.  

No día de hoxe, os asistentes a Merca Delicadeza poden gozar dunha sesión de coctelería con cervexa e augardente de Galicia, dun sorteo de lotes de produtos identificados co selo de Artesanía Alimentaria, dunha demostración de cociña e dunha actuación musical. Os cativos poden asistir a un obradoiro de queixo artesán ou outro de elaboración de chapas artesás. Mentres, os adultos teñen a súa disposición dous obradoiros, sobre requeixo artesán e de conservas vexetais.

O sábado e o domingo  os showcookings, sorteos e actuacións continúan, aínda que se engaden ao programa un faladoiro sobre os selos de calidade e outro sobre Artesanía Alimentaria, gran cantidade de obradoiros relacionados coa artesanía galega e incluso unha cata de aceite. Os máis pequenos da casa tamén teñen espazo para eles neste mercado, con obradoiros de iniciación á cerámica, elaboración de queixo artesán ou de repostería, entre outros. Finalmente, na clausura deste mercado, o conselleiro do Medio Rural, José González, entregará a carta de artesán a novos operadores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023