A futura Lei de igualdade incidirá nas discriminacións múltiples das mulleres con discapacidade para construír unha Galicia máis inclusiva

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Viveiro na inauguración da exposición fotográfica Eu muller, ti cómplice, elas loitadoras da Asociación de pais e persoas con discapacidade intelectual (Aspanane)

Sinala a importancia de promover a inclusión social e económica de todas as mulleres con discapacidade, independentemente da súa condición

Viveiro (Lugo), 10 de marzo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Viveiro que a futura Lei autonómica de igualdade incidirá nas discriminacións múltiples das mulleres con discapacidade para construír unha Galicia máis inclusiva. Na inauguración da exposición fotográfica Eu muller, ti cómplice, elas loitadoras da Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Viveiro (Aspanane), avanzou que esta nova normativa, en tramitación na actualidade, entrará no Parlamento antes de que remate o mes de abril.

Sinalou que o Goberno galego no eido da discapacidade avoga por promover a inclusión social, económica e política de todas as mulleres con discapacidade, independentemente da súa idade, sexo, raza, etnia, orixe, relixión ou situación económica ou outra condición; e polo reforzo dos programas formativos que melloren a cualificación profesional, con especial incidencia na mellora das competencias dixitais, e con accións especificamente dirixidas a mulleres en situación de dificultade, entre elas as mulleres con discapacidade.

Así mesmo, salientou que a Xunta traballa para adaptar o acceso á información, servizos e recursos ás circunstancias específicas das mulleres galegas, con especial atención ás que se atopen en situación de dependencia; e desenvolve programas para a atención e a recuperación de mulleres vítimas de violencia de xénero con discapacidade e outros problemas de saúde. Precisou neste último senso, que a Lei 11/2007, de 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece no seu artigo 47 a garantía de que as mulleres con discapacidade que sufran unha situación de violencia de xénero teñan acceso integral á información sobre os seus dereitos e aos recursos existentes.

Para rematar, apuntou que moitas mulleres viven situacións de discriminación múltiple por causas diversas como a discapacidade, polo que afirmou que é necesario que as novas políticas de dependencia se deseñen desde un enfoque interseccional, que favoreza o benestar integral de todas as mulleres, en especial das que se atopan en situación de vulnerabilidade, e cunha clara vocación de contribuír á cohesión social de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023