O presidente da Xunta inaugurou hoxe unha xornada sobre esta normativa
Rueda garante que a nova Lei do litoral de Galicia compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa
Confirma que o obxectivo é que esta normativa, que converterá a Galicia na primeira comunidade en regular a súa franxa costeira, sexa aprobada polo Consello da Xunta ao final deste primeiro semestre
Considera “inescusable” o seu cumprimento para defender e protexer as 4.000 edificacións “con nomes e apelidos” que están en risco
Salienta que, entre as medidas que recolle, está determinar as actividades estratéxicas para blindar que poidan desenvolverse de forma sustentable
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe que a nova Lei do litoral de Galicia compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa. “É perfectamente compatible e moi necesario que coexistan o ecosistema mariño coa vida dos mariñeiros, industrias e empresas”, aseverou durante a inauguración dunha xornada na Coruña para dar a coñecer esta normativa, da que salientou que é froito dun traballo “serio e rigoroso” e baseada nun “perfecto respecto” ao marco legal estatal na que está inxerida.
“A vida de Galicia está en gran parte no litoral e desde Galicia temos o dereito e o deber de ordenalo respectando todas as normas. É a nosa obriga e imos facelo”, aseverou o titular do Goberno galego, quen subliñou que esta nova lei é “exemplo de responsabilidade, diálogo e coñecemento”. Por iso, lembrou que tivo en conta as aportacións de expertos, concellos, asociacións e entidades de toda a comunidade.
Medidas recollidas na futura lei
Rueda explicou que, entre as actuacións que vai levar a cabo a nova normativa, está dividir o litoral en zonas -segundo o seu nivel de conservación- e limitar os usos e obxectivos en cada caso; determinar por lei as actividades estratéxicas para o noso litoral para blindar que poidan desenvolverse de forma sustentable (establecementos da cadea mar-industria alimentaria, establecementos de turismo ou o patrimonio cultural litoral) e establecer unha planificación coherente para coordinar todas as actividades que sustentan o litoral galego.
Xornada con expertos e representantes doutras comunidades
A esta xornada da Coruña asisten preto de 250 convidados entre ponentes, membros do Goberno galego, autoridades de diferentes estamentos, representantes doutras comunidades autónomas e dos concellos costeiros galegos, así como expertos, catedráticos e profesionais de eidos directamente relacionados ou con interese na xestión do litoral.