O Plan Corresponsables xunta a máis de 170 nenos e nenas na pista multideporte da USC para desfrutar do balonmán

A I Xornada de Minibalonmán alevín mixto organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Federación Galega de Balonmán rematou coa vitoria do Club Cisne Fernando Pacheco e o subcampionato do Club SAR Balonmán

Santiago, 10 de marzo de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu á I Xornada de Minibalonmán alevín mixto organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Federación Galega de Balonmán a través do Plan Corresponsables que vén de realizarse na pista exterior multideporte da USC no Campus Vida.

En total foron 21 equipos participantes -Atlético Novás, Porriño A, Porriño B, Cisne Fernando Pacheco, Cisne Óptica Miramaruxa, Balonmán Culleredo Feminino, Balonmán Culleredo 2011, Balonmán Culleredo 2012, Galicia Social, Rebusca 46, Carnes do Ribeiro, SAR Balonmán, SAR Rodavigo, Ribadosar, Dislausa Sanxenxo, USC 1, SAR Rodavigo B, USC 2, Balonmán Abegondo, USC 3 e Salceda de Caselas- para un total de máis de 170 nenos e nenas que disputaron este torneo que rematou coa vitoria final do Club Cisne Fernando Pacheco e co subcampionato do Club SAR Balonmán.

Ademais, leváronse a cabo outras actividades como reto hula hop, reto limbo, reto habilidade porterías, zumba ou zumba en familia para que os máis pequenos e os seus acompañantes puideran aproveitar o tempo entre partido e partido dun xeito activo e divertido.

O Plan Corresponsables xorde da sinatura dun convenio da Xunta de Galicia co obxectivo de promover a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas para nenos e nenas de ata 16 anos de idade, ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegándolle distintas modalidades e favorecendo así a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás. Deste xeito acádase unha notable mellora na vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

Tras o éxito colleitado na primeira edición do Plan Corresponsables coas federacións deportivas galegas chegando de xuño a novembro de 2022 a preto de 18.000 nenos e nenas, en outubro de 2022, a Xunta asinaba un novo convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables cun orzamento duns 585.000 euros, sendo achegados pola Xunta 547.800.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023