A Xunta destaca a súa aposta polo termalismo na inauguración do XVI Encontro de Vilas Termais en Arnoia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén asistiron esta mañá a inauguración do encontro

O termalismo é un produto turístico estratéxico para Galicia, que é líder neste recurso tanto pola súa abundancia como pola súa calidade e singularidade, polo que Nava Castro destacou a creación dunha área de Turismo Termal en Ourense

Ourense, 10 de marzo de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén asistiron esta mañá a inauguración do XVI Encontro de Vilas Termais celebrado no Balneario de Arnoia, onde Nava Castro destacou a aposta do Goberno galego polo termalismo.

A directora de Turismo indicou que o turismo termal ofrece o que os turistas demandan hoxe en día, un  turismo tranquilo e sen masificacións, de aí o auxe na nosa comunidade do turismo termal. “Grazas a todo iso, a día de hoxe Galicia é un dos principais destinos termais de España e tamén no eido internacional, xa que é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais”, resaltou Nava Castro.

Durante a súa intervención, amosou o compromiso do Goberno galego co termalismo,  co Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos que pivotará arredor do desenvolvemento do termalismo galego como un elemento diferencial da oferta turística galega que permita o desenvolvemento de zonas rurais e de destinos urbanos a través dunha oferta turística única e de calidade.

O termalismo é un produto turístico estratéxico para Galicia. Galicia é líder neste recurso tanto pola súa abundancia como pola súa calidade e singularidade, polo que neste senso, Nava Castro destacou a creación dunha área de Turismo Termal en Ourense, mediante a cal se fomentará a modernización das infraestruturas existentes, diversificar o sector para atraer novos segmentos de poboación, promover a integración do termalismo galego en proxectos europeos de turismo de saúde e a creación dunha marca propia que identifique o turismo termal galego, entre outros.

“Somos líderes en número de establecementos deste tipo con Q de Calidade Turística. En concreto, máis do 20 % dos balnearios españois distinguidos con este distintivo están en Galicia, o que é un orgullo para todos”, rematou a directora de Turismo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023