A Xunta aproba coas organizacións sindicais o protocolo contra o acoso laboral para o persoal da Administración de Xustiza

O texto contempla a creación dun comité de intervención que se encargará de recibir a solicitude, levar a cabo a investigación e trasladar as conclusións para que, posteriormente, a Dirección Xeral de Xustiza determine o seu arquivo ou propoña a incoación dun expediente disciplinario

O Goberno galego pretender erradicar as condutas de acoso laboral e outras discriminacións no traballo no eido da xustiza co obxectivo de garantir a saúde e a asistencia ás vítimas

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023 A Xunta presentou onte na mesa sectorial de Xustiza o protocolo para a prevención, detección, actuación e resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na administración de xustiza, que foi aprobado polas organizacións sindicais antes de que sexa elevado tamén para a súa aprobación ao Consello da Xunta. Tal e como explicou no encontro o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, con este texto, o Goberno galego pretende a erradicación total destas condutas e garantir a saúde das persoas que sofren estas situacións, así como a asistencia e protección das vítimas. 

Vai dirixido ao persoal da Administración de Xustiza de Galicia do corpo de médicos forenses, xestión procesual, tramitación administrativa e auxilio xudicial. A través deste protocolo aplicaranse as medidas de prevención e correctoras necesarias e elaboraranse os estudos dos casos denunciados e resoltos, o que permitirá establecer un rexistro dos asuntos investigados.  

Para a aplicación do protocolo prevese a creación dun comité de intervención integrado por representantes da administración e das organizacións sindicais que se encargará de recibir a solicitude, levar a cabo a investigación dos feitos cando proceda e realizar o correspondente informe con conclusións e propostas dirixido á Dirección Xeral de Xustiza. Este departamento autonómico é o que determina ao inicio da investigación se a solicitude cumpre cos criterios recollidos no protocolo para ser considerado un caso de acoso.

Unha vez recibido o informe final coas conclusións do comité de intervención, determinarase se procede o arquivo do expediente ou a proposta de incoación dun expediente disciplinario. Ademais, en calquera fase do procedemento ambas as partes e de forma voluntaria poderán solicitar a incoación da institución da mediación.

Data de actualización: 10/03/2023