Lorenzana sinala en Ourense a importancia do benestar laboral e da corresponsabilidade para que a muller acceda ao mercado de traballo en igualdade

Ourense, 9 de marzo de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe en Ourense a nova Lei autonómica de igualdade que se está a tramitar e que entrará no Parlamento galego antes de que remate o mes de abril. Na segunda edición do Club de Redeiras da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), no que participou, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, sinalou que será unha lei moderna que recollerá todas as sensibilidades das mulleres galegas.

A normativa, en palabras de Lorenzana, presta importancia ao benestar laboral para que a muller poida formar parte do mercado de traballo e optar aos postos de responsabilidade na mesma igualdade de condicións que os homes. A conselleira incidiu tamén na necesidade de educar na corresponsabilidade e en que as empresas cambien o seu modelo de traballo con ferramentas de flexibilización de xornadas e horarios. A Xunta de Galicia instituirá este ano unha certificación en materia de igualdade, consensuada no marco do Diálogo Social, avanzou a conselleira, para recoñecer as boas prácticas nesta materia e para que as empresas que o están a facer ben sirvan de modelo doutras que se inician neste camiño.

Para apoiar á muller no seu acceso ao mercado laboral, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece, ademais, programas como o Emega, de impulso ao emprendemento feminino, ou o Plan Emprega Muller con 16,1 millóns de euros este ano para a execución de catro iniciativas que ofrecen apoios á formación, acceso, mantemento, consolidación e promoción profesional das mulleres galegas coa previsión de chegar a preto de 12.000 beneficiarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023