A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa Asociación de empresarios das Somozas

A Xunta busca a colaboración do tecido empresarial das Somozas para avanzar no obxectivo de reducir o lixo de orixe industrial nun 15 % ata 2025

Ángeles Vázquez subliña a relevancia do sector dos residuos na Comunidade, onde xera máis de 7.000 empregos directos, e avanza que este ano se aprobará o novo Plan de residuos industriais de Galicia 2023-2030 para cumprir os obxectivos marcados pola UE

As Somozas (A Coruña), 9 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia buscará vías de colaboración co tecido empresarial do Concello das Somozas para avanzar na xestión sostible dos residuos de orixe industrial e, concretamente, achegarse ao obxectivo de reducir a xeración deste tipo de lixo nun 15 % ata 2025, en liña co que marca a UE.

No marco dunha reunión con representantes da Asociación de empresarios das Somozas, que aglutina a unha ducia de firmas vinculadas maioritariamente ao eido dos residuos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a importancia e o peso cada vez maior que ten un sector “en auxe” a nivel internacional e tamén en Galicia.

De feito, segundo datos do Observatorio da Sostibilidade en España, estímase que as empresas que traballan neste eido xeran máis de 7.000 postos de traballo directos na Comunidade e constitúe un dos piares básicos do tecido empresarial medioambiental e do chamado emprego verde.

Neste sentido, a conselleira referiuse ao novo Plan de residuos industriais de Galicia (PRIGA), documento que está actualmente en tramitación e que orientará a estratexia e os obxectivos a acadar neste eido na Comunidade no período 2023-2030, en liña coas directrices marcadas pola directiva europea. En concreto, indicou que os principais obxectivos son a diminución das emisións contaminantes, a través da redución do lixo de orixe industrial; o fomento da utilización de materias primas recicladas; e a aposta polo ecodeseño como vía para previr a xeración de residuos desde a propia fase de produción.

A tal fin, Vázquez Mejuto explicou que se prevé mobilizar durante os seus 8 anos de vixencia un investimento total de 115 millóns de euros, sumando as achegas previstas tanto por parte da Xunta como do propio tecido industrial galego, peza clave neste sentido, incidiu, xa que conseguir alcanzar as metas fixadas “vai depender das propias empresas”, responsables directas de garantir e acreditar unha xestión adecuada dos refugallos que producen.

Por último e na mesma liña, animou aos empresarios relacionados co sector medioambiental e, particularmente, aos das Somozas, a converterse nun dos motores clave para a implantación da economía circular na Comunidade e nun exemplo de xestión sostible dos residuos industriais potenciando prácticas que incidan nos principios de prevención, preparación para a reutilización e reciclaxe.

 

Data de actualización: 09/03/2023