A Xunta destaca no Congreso Nacional de Hospitais a eficacia do concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura nos comarcais

Así o defendeu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no 23 Congreso de Hospitales y Gestión Sanitaria celebrado en As Palmas, no que participou na mesa de conselleiros

“Galicia reforzará o cadro de persoal destes hospitais comarcais, grazas aos cales o 85% dos galegos está a menos de media hora dun centro hospitalario na comunidade autónoma con maior dispersión poboacional”, explicou

Comesaña resumiu tamén outras medidas que a Xunta puxo en marcha para mellorar o funcionamento da sanidade pública galega e que benefician tanto aos pacientes como aos profesionais

As Palmas de Gran Canaria, 9 de marzo 2023

“A Lei aprobada polo Parlamento galego para a convocatoria de prazas de médicos de difícil cobertura polo sistema de concurso de méritos foi un éxito, e vai permitir cubrir postos nos hospitais comarcais e reforzar os seus cadros de persoal, o que para Galicia, a comunidade coa maior dispersión poboacional, é fundamental”. Así o explicou hoxe o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, no 23 Congreso de Hospitales y Gestión Sanitaria celebrado en As Palmas, no que destacou a clara aposta do Goberno galego pola convocatoria de prazas de difícil cobertura polo sistema de concurso de méritos.

 

García Comesaña insistiu en que, co segundo proceso para cubrir máis de 400 prazas, Galicia vai reforzar o cadro de persoal dos seus hospitais comarcais -un total de 7- , “grazas aos cales o 85 % dos galegos está a menos de media hora dun centro hospitalario”. Esta nova convocatoria incluirá tamén prazas de Primaria e de especialidades como Psiquiatría e Psicoloxía, pero está dirixida especialmente aos comarcais. Na primeira convocatoria feita, Galicia conseguiu cubrir máis de 100 postos de facultativos de atención primaria que quedaron vacantes nas distintas ofertas públicas de emprego e concursos de traslados.

 

Praza fixa sen necesidade de exame e prazas MIR

 

No concurso de méritos, os facultativos teñen a oportunidade de obter unha praza fixa sen necesidade de facer un exame, simplemente por un baremo dos seus méritos. Julio García Comesaña explicou tamén na súa intervención os motivos que levaron ao Goberno galego a aprobar a Lei autonómica, e lembrou o problema ao que se enfronta hoxe a sanidade de toda España, “coa falta de especialistas, principalmente en medicina familiar e comunitaria”.

 

“Esta é a cuestión máis urxente para garantir a sustentabilidade dos sistemas de saúde”, remarcou, ao tempo que sinalou a inacción do Ministerio de Sanidade ao respecto, “non poñendo en marcha medidas como reforma do sistema de elección de prazas MIR para que non queden prazas desertas, a creación da especialidade de urxencias e emerxencias e a reforma do sistema de acreditación de unidades docentes de medicina familiar e comunitaria para facelo máis flexible e áxil”.

“Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón”, insistiu Julio García Comesaña, quen abundou que, do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista “é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame”.

 

Máis medidas da Xunta para mellorar a sanidade pública galega

O conselleiro de Sanidade resumiu algunhas das medidas que a Xunta puxo en marcha para mellorar o funcionamento da sanidade pública galega, e que benefician tanto aos pacientes como aos profesionais.

 

Así, referiuse á implementación dos Plans Locais de Saúde, documentos estratéxicos para cada servizo de atención primaria elaborados polos propios profesionais que fixan os seus obxectivos de mellora tendo en conta as particularidades da poboación á que atende; ou ao uso das novas tecnoloxías para achegar o Servizo Galego de Saúde a todos os galegos, coa dixitalización da imaxe médica, a receita electrónica, á implantación da teleasistencia e o portal de saúde.

 

O conselleiro de Sanidade explicou que Galicia foi pioneira hai xa 20 anos na implantación dunha historia clínica electrónica para todos os profesionais sanitarios, “e o proxecto máis destacado da nosa comunidade no ámbito tecnolóxico é IANUS-5, a nova historia clínica electrónica de Galicia, que incorpora novas ferramentas útiles para a atención primaria, como a posibilidade de videoconsulta, a carpeta persoal de saúde ou o acceso á plataforma de Big Data do Sergas”. Sobre a intelixencia artificial, Julio García Comesaña destacou que “temos grandes expectativas ao redor do uso do big data e da intelixencia artificial no ámbito sanitario”, e avanzou que o Servizo Galego de Saúde traballa xa en varias liñas de aplicación, entre elas o uso de algoritmos para a detección de enfermidades raras”.

 
 
 

Sesenta millóns de accesos á historia clínica ao ano

 

Neste sentido, Julio García Comesaña lembrou que cada día acceden á historia clínica electrónica en Galicia máis de 26.000 profesionais, se producen máis de 240.000 anotacións diarias e se efectúan máis de 300.000 dispensas electrónicas nas máis de 1.300 farmacias conectadas. Destacou tamén que cada ano se xeran 60 millóns de accesos á historia clínica e imaxe dixital, e subliñou a importancia do CRM100, un sistema que permite ao persoal administrativo dos centros de saúde devolver as chamadas que non foron respondidas en menos de dúas horas. Así mesmo, no marco da dixitalización, o conselleiro de Sanidade destacou tamén a implantación das e-interconsultas, que conectan aos profesionais de medicina de familia cos especialistas dos hospitais, facilitando o acceso ao paciente, e que en servizos como os de cardioloxía, favorecen a diagnose e evitan o desprazamento dos pacientes no 50 por cento dos casos. No ano 2022, beneficiáronse desta modalidade preto de 28.000 persoas. “O futuro para por fixar ao paciente como o centro do sistema sanitario e empoderalo, dándolle ferramentas para ilo”, resumiu.

 

O conselleiro de Sanidade explicou tamén que para a profesionalización dos directivos da saúde e da xestión sanitaria “precísanse equipos de xestores con coñecemento, competencia e dedicación, que deben formarse en coñecementos e habilidades que permitan desenvolver con garantías o exercicio das súas responsabilidades”. Todo isto- dixo o conselleiro- conleva uns orzamentos elevados, e en Galicia adicamos á sanidade case 5.000 M€, o 40 % do orzamento da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023