Rueda anuncia que a Estratexia Autonómica de RSE 2023-2025 quintuplica a súa dotación ata case os 175 M€ para favorecer a competitividade das empresas e atraer talento

Lembra que Galicia “foi a primeira rexión europea” en contar cun plan estratéxico nesta materia, aprobado no 2012

Resalta que a Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025 contará “con 25 liñas” que a Xunta dirixe a “empresas, administración e cidadanía en xeral”

A través da mesma, Galicia aspira a transformar os modelos de negocio, a sensibilizar á empresa en materia de transparencia e desenvolver contornas de traballo inclusivas

Como novidade axudarase ás iniciativas que aposten por solucións sustentables con impacto social ou ambiental no territorio

A Xunta creará a rede galega pola RSE como espazo de diálogo entre o sector público-privado e a sociedade civil para a xeración de alianzas e a difusión de coñecemento e boas prácticas nesta materia
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu hoxe o visto e prace á Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da Xunta de Galicia 2023-2025 que con 174,7 millóns de euros quintuplica a dotación económica da anterior (2019-2021), co obxectivo de preparar a Galicia nestes tres anos para os retos da economía sustentable e dixitalizada. “Entre os obxectivos está que as empresas melloren a súa transparencia ou desenvolvan contornas de traballo inclusivas”, resaltou o presidente.

Rueda subliñou que, deste xeito, Galicia segue a avanzar nun eido no que foi pioneira en toda Europa. “Galicia converteuse en 2012 na primeira rexión europea en contar cun plan estratéxico de responsabilidade social empresarial”, resaltou.

A nova Estratexia pretende situar os valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

Para acadalo a Xunta deseñou un documento que quere abrir a todos os grupos de interese e que ten como destinatarias a empresas, administracións, persoas traballadoras, e a cidadanía en xeral A idea é que a Estratexia sirva de motor, catalizador e marco, para que todos aqueles axentes públicos e privados que queiran avanzar nun exercicio voluntario de maior responsabilidade social, teñan un marco no que encadrarse e conten co apoio do Goberno e a Administración Galega.

A Estratexia comprende 25 liñas de acción enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública, segundo indicou Rueda. Entre elas, o presidente resaltou “o apoio económico para innovación e dixitalización; facilidades no acceso ao financiamento, apoio para implantar medidas de conciliación e teletraballo ou para promover proxectos de impacto social ambiental”.

Entre outras novidades, a Estratexia avogará pola formación e desenvolvemento de políticas de gasto e investimento para as empresas, así como polas “axudas directas a proxectos ou iniciativas que busquen o desenvolvemento de solucións sustentables con impacto social ou ambiental”, indicou Rueda, quen anunciou que ao abeiro desta Estratexia vaise crear unha rede galega pola Responsabilidade Social “como espazo de diálogo entre o sector público, o privado e a sociedade civil” e vaise implantar o selo de calidade “Galicia Responsable” para recoñecer avances nesta materia. “Vai ser un selo que recoñecerá as boas prácticas en materia de responsabilidade social empresarial”, indicou o presidente.

Galicia integrará os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) da ONU e criterios de compra pública responsable e innovadora nos procesos da Administración, no contexto desta estratexia que ten por horizonte o ano 2025.

Con este documento a comunidade seguirá a situarse á vangarda da promoción da RSE entre o seu tecido asociativo, na Administración e para o conxunto da sociedade, como continuidade do Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial 2012-2014, que converteu a Galicia en rexión europea pioneira. Tamén seguirá a estela da Estratexia galega de RSE 2019-2021, que creou o ecosistema actual de apoio autonómico á RSE empresarial, que desde 2019, permitiu que máis de 250 pemes e persoas traballadoras autónomas se formasen nesta materia, e outorgou máis de 500 achegas en materia de igualdade, teletraballo, conciliación ou RSE.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023