O Consello da Xunta abordou hoxe as perspectivas de Galicia en relación coa constitución do Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, no marco da alianza das comunidades do noroeste

Galicia exixirá ao Comisionado do Corredor Atlántico un investimento de 8.000 M€ para a conexión noroeste

Rueda advirte que os 1.130 M€ anunciados son “insuficientes” e admite a “preocupación” ante as imprecisións, erros e ausencias de actuacións en “infraestruturas irrenunciables” para Galicia no Plan director que se presentou esta semana en Xixón

Cualifica de “contas tramposas” que o Comisionado contabilice como investimentos actuacións xa executadas no Eixe Atlántico ou na liña de alta velocidade Madrid-Galicia, obras rematadas antes de formar parte do Corredor

Lembra que a constitución do Comisionado para o Corredor Atlántico é froito da demanda das tres comunidades do noroeste, pero ponse en marcha con 5 anos de retraso con respecto ao do Corredor Mediterráneo

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta lle exixirá ao Comisionado para o Corredor Atlántico atención preferente ao noroeste peninsular e a inclusión no Plan Director o investimento de 8.000 millóns de euros nas actuacións que Galicia, Asturias e Castela e León teñen identificadas como prioritarias.

O mandatario galego considerou “absolutamente insuficientes” os 1.130 millóns de euros de investimento propostos polo Comisionado na reunión desta semana en Xixón e advertiulle que deberá “multiplicala por oito” para elevar a rede ferroviaria de mercadorías ao nivel necesario.
 
O mandatario galego explicou que o Consello da Xunta abordou hoxe un informe sobre as perspectivas de Galicia en relación coa constitución do Comisionado para o Corredor Atlántico, no marco da alianza das comunidades do noroeste, unha figura que se creou o pasado 27 de xaneiro, coincidindo coa celebración, en Santiago de Compostela, do Encontro do Corredor Atlántico Noroeste, coa participación dos presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León. O Comisionado foi o primeiro resultado dese cumio, pero non se activou ata mes e medio despois, e con cinco anos de retraso con respecto ao Comisionado do Corredor Mediterráneo, que acada un nivel de desenvolvemento moi superior.
 
Tras ese informe, Rueda admitiu a “preocupación” ante as imprecisións, erros e ausencias rexistradas na recente presentación pública do Comisionado en relación coas necesidades da rede ferroviaria de mercadorías do noroeste peninsular. Ademais, advertiu da ausencia neste Plan director de “infraestruturas irrenunciables” para Galicia, entre as que citou o desenvolvemento da saída sur de Vigo e da conexión da terminal de Bouzas do Porto de Vigo, así como a modernización da conexión de tren Ferrol-A Coruña-Lugo.
 
De igual xeito, criticou as “contas tramposas” que fai o documento do Comisionado ao recoller como investimentos actuacións xa executadas no Eixe Atlántico ou na liña de alta velocidade Madrid-Galicia, obras rematadas antes de que ningún deses tramos fose Corredor.
 
Por estes motivos, o presidente da Xunta urxiu unha xuntanza específica do Comisionado coas comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León na que poder expoñer as singularidades e necesidades na rede ferroviaria de mercadorías do noroeste.  

Cumio en Áraba de Galicia, Euskadi, Cantabria e Asturias

Rueda adiantou que fará tamén estas reclamacións no cumio do vindeiro luns, día 13, en Áraba tras a convocatoria a Galicia, Asturias e Cantabria do lehendakari do País Vasco, Íñigo Urkullu, para afondar nesta infraestrutura ferroviaria.

 “Semella que o toma máis en serio e está máis interesado que o propio Goberno central”, valorou Rueda sobre a iniciativa de Urkullu, ao tempo que considerou unha “boa idea” a celebración deste cumio. Ademais, apuntou ao Goberno vasco como un “bo aliado” para as demandas conxuntas realizadas por Galicia, Asturias e Castela León para o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste nas mesmas condicións que o Corredor Mediterráneo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023