O conselleiro do Medio Rural presidiu unha xuntanza deste órgano que se persegue impulsar no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo

A Xunta convoca o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia para facer balance dun eido que acumula xa 19 meses consecutivos de subas de prezos

José González destacou que o prezo do leite pagado aos produtores en Galicia se situou en xaneiro nos 58,8 céntimos por litro, 0,2 céntimos máis que o mes anterior, consolidando unha tendencia alcista que propiciou un récord de facturación en 2022

Así, lembrou que as explotacións galegas facturaron o ano pasado pola venda de leite 1.306,3 millóns de euros, un 35,2 % máis que no exercicio anterior, ante o que apostou por novas fórmulas asociativas que avancen na senda da profesionalización do sector

Avanzou a posta en marcha este ano do Banco de explotacións, no marco da Lei de recuperación, para garantir o mantemento das granxas viables, e avogou polo incremento da base territorial mediante as figuras de dita norma ou das parcelarias

Ao respecto do Observatorio do Sector Lácteo, o titular de Medio Rural apostou polo seu reforzamento como órgano de análise da situación do sector, coa presenza dos diferentes axentes implicados

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu este mediodía unha reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, na que se fixo balance do bo momento que atravesa este eido produtivo, ao encadear ata 19 meses consecutivos de subas de prezos, que propiciaron unha facturación récord o ano pasado. Co gallo da reunión, o conselleiro aproveitou para apostar polo reforzamento deste órgano que se persegue impulsar no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo, coa presenza dos diferentes axentes implicados, así como pola remuda xeracional -coa axuda do Banco de explotacións- e polo aumento da base territorial aproveitando as figuras da Lei de recuperación e as concentracións parcelarias. 

O Observatorio do Sector Lácteo ten entre as súas funcións a de analizar a situación deste eido e as diferentes problemáticas que o afectan, así como a de recompilar datos técnicos e económicos das explotacións de vacún de leite. Tamén a de elaborar un sistema de información e os índices de referencia que se consideren axeitados para o coñecemento da evolución do sector lácteo, como a situación de oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado, os resultados da xestión técnica e económica das explotacións de leite e os prezos pagados e percibidos polos produtores. 

Precisamente parte deses datos foron analizados hoxe, como os 58,8 céntimos por litro que se pagaron aos gandeiros de leite galegos en xaneiro, 0,2 céntimos máis que o mes anterior, o que supón que se acumulan xa subas de prezos durante 19 meses consecutivos. Este prezo supón un incremento de preto do 64 % respecto ao mesmo mes de 2022, cando o leite se pagou a 35,9 cts./l. Ademais, por primeira vez desde xullo de 2016, o prezo do leite en xaneiro de 2023 en Galicia situouse por riba do prezo medio do leite en Europa.  

Así, estas cifras propiciaron que as explotacións galegas facturasen no 2022 pola venda de leite 1.306,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 35,2 % respecto do ano 2021. Se lle sumamos á venda do leite as vendas de animais, as axudas da PAC, a achega extraordinaria pola invasión rusa de Ucraína e outros ingresos, estímase que a cifra chegou aos 1.568,95 millóns de euros.  

As cifras tamén mostran que o rendemento medio por explotación aumentou en Galicia un 73,7 %, por riba do dato de España, que foi do 62,8 %. Isto significa que as granxas galegas son cada vez máis eficientes e incrementan a súa competitividade. Tendo en conta estes datos, o conselleiro considerou necesario reforzar o asesoramento ao sector sobre a forma de organización das explotacións desde a perspectiva de posibles esquemas asociativos, sociedades mercantís, etc.  

Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse á Lei de recuperación da terra agraria e ás posibilidades que ofrecerá o Banco de explotacións que se porá en marcha este ano para garantir o mantemento das granxas viables pola vía do arrendamento ou da transmisión. Nese senso, tamén aludiu ás arredor de 10.000 hectáreas que se están poñendo en valor ao abeiro desta norma, a través das aldeas modelo, dos polígonos agroforestais e das permutas. Tamén ás 28 concentracións parcelarias decretadas en toda Galicia desde 2021, que abarcan máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 propietarios, contribuíndo ao tan necesario aumento da base territorial.  

Outros datos do sector

O último informe do sector lácteo reflicte tamén que se está a rexistrar un aumento progresivo da industrialización en Galicia do leite producido na nosa comunidade. Así, no ano 2021 transformouse en Galicia o 63,23 % do leite producido, avanzando cara ao obxectivo marcado pola Estratexia de dinamización do sector, establecido no 75 % para 2025. 

Segundo o informe, no 2022 incrementáronse tanto os prezos pagados aos gandeiros polo leite como os dos produtos lácteos nos lineais da distribución. Neste sentido, os prezos do leite enteiro e desnatado en España aumentaron nos lineais desde decembro de 2021 arredor dun 39 % e o incremento dos prezos doutros derivados lácteos (queixos, iogures) oscila entre o 23 e o 26 %. 

Polo tanto, os principais indicadores sectoriais reflicten unha situación xeral de estabilidade que permite, entre outras cousas, que Galicia continúe como líder nacional indiscutible (acumula, con 2,9 millóns toneladas, preto do 41 % da produción total española). A maiores, o leite producido en Galicia supera tamén nas súas calidades (contido en graxa e proteína) a media española. Por outra banda, a nosa comunidade segue mantendo o peso nacional en número de explotacións, representando o 56,4 % do total de España (no 2015 esta porcentaxe era do 56,2 %).

Outra dos conclusións deste informe apunta que, no contexto europeo, Galicia consolídase -con datos de 2021, últimos dispoñibles- entre as 10 principais rexións produtoras de leite dentro da UE, mantendo un crecemento constante ano tras ano que a pode levar a avanzar postos no ranking.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023