O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez, participa na Conferencia Sectorial de Educación xunto ao resto de comunidades autónomas

A Xunta presenta 33 achegas á Lei de ensinanzas artísticas e esixe ao Ministerio apoio económico para a súa aplicación

Insiste na equiparación real entre os estudos artísticos superiores e os universitarios, reclama maior flexibilidade nas guías docentes e claridade na xestión

Lamenta as présas do Goberno do Estado por pechar con urxencia unha batería de leis educativas e a “falta de rigorosidade” da nova norma de artísticas

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023 A Xunta eleva ao Goberno do Estado as achegas de Galicia ao anteproxecto de lei de Ensinanzas Artísticas, un borrador que se abordou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación na que participo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. En total, o Goberno galego remite ao Ministerio 33 alegacións entre as que destacan a equiparación real entre as titulacións de ensinanzas artísticas superiores e as universitarias, o reforzo económico necesario para a aplicación da nova normativa e as reivindicacións relativas á xestión do profesorado.

Román Rodríguez debullou esta trintena de propostas presentadas e que foron dialogadas previamente nunha mesa de traballo cos directores dos conservatorios de Música e de Danza e das escolas de Arte e Superiores de Deseño, Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais dependentes da Xunta, aos que asisten 6.000 alumnos.

Tamén lamentou “a falta de rigorosidade por parte do Goberno do Estado” que queda patente nesta proposta de texto lexislativo, ao xerar un “novo caos” no que atinxe á xestión académica e nos novos corpos docentes como xa está a suceder coa lei de Educación e a lei de FP. Tras apuntar ás “demasiadas présas” por pechar todo o marco lexislativo educativo, advertiu dos “efectos negativos” que despois lles toca arranxar ás comunidades autónomas.

Acceso ás mesmas axudas

Unha das principais propostas é que se remarque de xeito explícito que os estudantes de ensinanzas artísticas superiores teñan exactamente a mesma consideración que os universitarios en relación a cuestións como o acceso ás axudas públicas ao estudo, á cultura, á promoción profesional, á mobilidade, ou ás prácticas remuneradas, entre outros.

“Moitas convocatorias de axudas -matizou o conselleiro- van dirixidas só a universitarios e obvian a existencia dos de artísticas superiores simplemente por descoñecemento”. De aí que unha das reivindicacións da Xunta sexa que estes dereitos deben facerse extensivos a todos os efectos. Tamén se demanda a creación dun rexistro único de centros e de titulacións, que blindará aos estudantes no marco europeo á hora do recoñecemento e homologación de títulos.

Non separar centros profesionais e superiores

Doutra banda, a Xunta é contraria á proposta normativa de avanzar cara unha diferenciación de centros que imparten especialidades de ensinanzas artísticas profesionais dunha banda e superiores por outra. En Galicia, os centros que imparten simultaneamente estas ensinanzas artísticas son, en palabras do conselleiro, “un modelo de éxito” polas sinerxías e as facilidade para os estudantes que amplían estudos. Pola contra, a súa segregación podería derivar en “importantes problemas loxísticos” en canto á dispoñibilidade de novos edificios e profesorado.

Tamén se rexeita que as artísticas superiores se teñan que someter a un novo proceso de acreditación e verificación universitaria cando xa dispoñen dun órgano específico de validación e actualización dos currículos, o Consejo Superior de Enseñanzas Artísticas.

Definición clara de novas figuras docentes

Do mesmo xeito, o conselleiro reclamou que a normativa “vaia acompañada dunha memoria económica que resulta absolutamente imprescindible” para que as comunidades autónomas poidan asumir o incremento de gasto que van supoñer as obrigas que derivan da súa aplicación práctica. Román Rodríguez referiuse, en concreto, á que a nova lei recolle figuras como profesorado emérito, profesorado especialista de nacionalidade estranxeira e profesorado visitante. Tamén contempla que o persoal de administración e servizos poida asumir tarefas técnicas. Todas estas figuras, segundo as advertencias da Xunta, “non contan cunha definición clara que debe concretarse na futura lei”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023