As probas coas que a Xunta avaliará as competencias clave en matemáticas e linguas celebraranse en Silleda o 20 de maio

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe na súa páxina web a relación provisional de persoas admitidas para realizar os exames, que terán de prazo ata o 15 de marzo para reclamar de ser o caso

As probas diríxense a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados de profesionalidade que inclúen como requisito esa formación

Desde o ano 2009, máis de 41.500 galegas e galegos solicitaron acreditar as súas competencias clave a través deste procedemento artellado pola Xunta

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A Xunta celebrará o próximo 20 de maio no recinto feiral de Silleda, en horario de mañá e tarde, as probas de avaliación en competencias clave para que as persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos e así acceder á formación para o emprego e cursar os certificados de profesionalidade que os inclúen como requisito. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe na súa páxina web a relación provisional de admisións é exclusións e abre un prazo de reclamacións ata o próximo 15 de marzo.

Un total de 2.424 persoas presentaron a súa solicitude para participar nesta convocatoria 2023, nas que se valorarán as competencias das persoas participantes en matemáticas e comunicación en lingua castelá, galega e inglesa.

O Goberno galego convoca estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias. Para acadalas, ademais de facer os exames, a cidadanía tamén pode realizar cursos de formación específicos. Para os certificados de nivel 1, pola contra, non existen condicionantes académicos nin laborais.

Con estas medidas a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegas e galegos, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Este ano a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo a dispor das persoas interesadas contidos formativos totalmente gratuítos para que se poidan preparar para as probas a través do seu Campus Virtual de Emprego. Esta fórmula permite ás persoas prepararse dun xeito máis flexible e realizar avaliacións dos coñecementos adquiridos.

Cada contido formativo incorpora modelos de exame e vídeos explicativos así como un servizo de titoría, co fin de que poidan contar cun apoio que lles axude a resolver aquelas dúbidas que lles xurdan no transcurso desta preparación.

Dende 2009 ata 2022, solicitaron participar nestas probas un total de 41.529 persoas.

Data de actualización: 09/03/2023