A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a concesión de 205 axudas para o achatarramento de vehículos de transporte por estrada, cun orzamento de 5,9 M€

O DOG tamén publica o outorgamento de 21 axudas para a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, mobilizando un investimento de 4,4 M€

Estas iniciativas enmárcanse na aposta que está a realizar a Xunta a prol do sector do transporte, destinando ata o ano 2024 un orzamento de 13,5 M€ a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías

Estas subvencións inclúen tamén a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A Xunta concedeu un total de 205 axudas para o achatarramento de vehículos de transporte por estrada, destinando un orzamento de máis de 5,9 M€.

Así o recolle a Resolución que hoxe publica a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no Diario Oficial de Galicia (DOG), cuxa información detallada se pode ampliar a partir do seguinte enlace:  http://xurl.es/mbewe

O DOG tamén publica hoxe o outorgamento de 21 axudas dirixidas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, mobilizando un investimento de 4,4 M€.

Estas liñas de axudas enmárcanse na aposta que está a realizar a Xunta a prol do sector do transporte, destinando ata o ano 2024 un orzamento de 13,5 M€ a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías.

A este respecto, ademais das subvencións dirixidas ao achatarramento das frotas ou á compra de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, tamén se fomentan os incentivos para a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

O obxectivo desta iniciativa é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír a incidir na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Estas medidas impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade encádranse tamén no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Data de actualización: 09/03/2023