Asociacións veciñais da Estrada melloran os seus locais sociais co apoio da Xunta

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións das asociacións de Cora e de Paradela, nas que se investiron preto de 24.700 euros

No conxunto do concello estradense o Goberno galego colaborou no acondicionamento e equipamento dos espazos de seis entidades, con case 81.500 €

As accións enmárcanse no Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 M€ e destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais

A Estrada (Pontevedra), 9 de marzo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe na Estrada os locais das asociacións veciñais de Cora e Paradela para coñecer as melloras realizadas co apoio da Xunta. O Goberno galego investiu preto de 24.700 euros en obras de acondicionamento e en novo equipamento para estas instalacións. As accións enmárcanse no Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 millóns de euros.

Así, a Asociación de Veciños de San Miguel de Cora recibiu 12.688 euros, dos que 12.000 se destinaron a obras e os 688 restantes a equipamento. As obras permitiron mellorar o illamento, coa colocación de tella e dun canlón no tellado, e a accesibilidade, coa instalación dunha rampla de pedra, beirarrúa e escaleiras para o acceso ao baño. Tamén se colocou plaqueta no interior.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños de Paradela obtivo 12.000 euros para o acondicionamento exterior e interior do seu local. No que respecta ao exterior, restauráronse as paredes e realizouse unha actuación integral no tellado. No interior tamén se traballou nos muros e executouse unha obra integral de acondicionamento, fontanería e instalación do material preciso para dotar o edificio dun cuarto de baño.

Durante as visitas a directora xeral referiuse á importancia de darlles resposta ás demandas dos colectivos veciñais como pezas fundamentais na dinamización do rural e no benestar da veciñanza. Nesta liña, incidiu na necesidade de que estes colectivos conten con espazos que lles permitan desenvolver a súa actividade coas condicións e o equipamento precisos para levala a cabo, así como co máximo confort para as persoas usuarias.

Preto de 2 M€ investidos en Pontevedra

Natalia Prieto destacou a elevada participación que rexistra cada ano o Plan específico de acción comunitaria, a liña de axudas destinada a asociacións veciñais e de mulleres rurais, e a comunidades de usuarios de augas. A través del, a Xunta beneficiou o pasado ano 139 entidades da provincia de Pontevedra, a que concentrou máis axudas, cun importe que suma 1,8 M€. Deste total, 34 asociacións de veciños dispuxeron de 489.147 euros para melloras nos seus locais sociais.

 

Concretamente no concello da Estrada, un dos que máis solicitudes presentou, houbo seis colectivos veciñais beneficiados. Trátase, ademais dos dous visitados hoxe, da Asociación de Veciños Amigos do Castro de Barbude, Asociación de Veciños de San Lois de Orazo, Asociación de Veciños de San Xorxe de Cereixo e Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Santa María de Aguións. Entre todas elas recibiron preto de 81.500 euros para melloras nos respectivos locais.

 

Segundo explicou a directora xeral, na actualidade estanse xa a valorar as solicitudes recibidas para acollerse á convocatoria do Plan específico de acción comunitaria deste ano, á que tamén se presentaron as dúas asociacións veciñais visitadas hoxe.

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023