A Policía Autonómica e axentes ambientais esclarecen un incendio forestal na Baña (A Coruña)

O lume foi provocado pola realización de labores de limpeza sen as debidas medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica da xefatura de Santiago de Compostela, en colaboración con axentes ambientais do distrito forestal IV-Barbanza da Consellería do Medio Rural, esclareceron un incendio forestal rexistrado o pasado 17 de febreiro no concello coruñés da Baña. O lume rexistrouse na parroquia de San Vicenzo e afectou 0,25 hectáreas.

A investigación puxo de manifesto que na zona se realizaran traballos de limpeza con rozadoira, colocación e pintado de marcos e localización de ramas usadas como batelumes. Tras confirmar coa persoa propietaria da parcela a execución de labores de limpeza e de queima de matogueira, comprobouse que o lume se debeu a que non se adoptaron as medidas de seguridade precisas.
 
A Policía Autonómica remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución de Garda de Negreira.
 
Trátase da quinta persoa investigada pola Policía Autonómica na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.

Data de actualización: 09/03/2023