A Xunta convoca na Agasp a I Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade

Desenvolverase de maneira presencial o 28 de marzo cunha duración de 8 horas, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia

Hoxe publícase tamén a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) convoca a I Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade dirixida ás forzas e os corpos de seguridade, ademais de persoal da xudicatura, do Ministerio Fiscal e profesionais dedicados a dar resposta ante incidentes, investigación ou a análise forense de equipos informáticos. De feito, o DFIR ( (Digital Forensic & Incident Response) baséase na análise forense dixital dun equipo informático co obxectivo de detectar a orixe e as causas dun incidente ou fallos de seguridade, que de forma proactiva permitirá previr posibles ataques informáticos. Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a acción formativa desenvolverase de maneira presencial o 28 de marzo e terá unha duración de 8 horas.

Entre os contidos que se prevén abordar nesta xornada inclúense cuestións tan importantes como a proba electrónica na fase de instrución, a importancia da cooperación internacional no momento actual ou as adaptacións das diferentes lexislacións nos países que nos rodean e que afectan directamente. Deste xeito, a actividade contribuirá ademais a previr as ameazas cibernéticas que cada vez se están a volver máis sofisticadas. Por iso, tamén se abordará a xestión de incidentes e as súas consecuencias a través das últimas tendencias, facendo fincapé no problema do ransonware e dos dispositivos IoT que empezan a xeneralizarse.

As persoas interesadas nesta xornada deberán cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal.

Adestramento coa arma regulamentaria

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas. A través desta iniciativa, todos os axentes das policías locais de concellos que non posúen galería de tiro propia poden asistir ás clases gratuítas na Agasp, impartidas por instrutores titulados. Cada ano realizan este plan máis de 1.300 axentes de Galicia.

As administracións locais interesadas en participar poden xa reservar prazas para os seus policías ata o 17 de marzo. As prácticas realizaranse do 21 ao 24 de marzo e do 28 ao 30 tamén deste mes, así como os días 11,18, 21 e 25 de abril na sede da Agasp na Estrada.

Cómpre lembrar que a arma regulamentaria é un elemento de dotación obrigatoria para todos os axentes da autoridade. O seu manexo forma parte como materia troncal nos cursos de acceso á categoría de policía e a práctica continua é fundamental para adquirir as destrezas precisas no caso de ter que ser empregada. O 95% dos policías non empregan a súa arma en toda a súa vida laboral, un dato que reflicte a seguridade da comunidade galega.

 
Data de actualización: 09/03/2023