A Xunta confirma a constitución do consello regulador da denominación de orixe Monterrei

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

No que queda de semana constituiranse os consellos reguladores doutras indicacións xeográficas e denominacións de orixe
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe (DO) Monterrei, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro. 

Así, este novo pleno quedou conformado por 7 vogalías, das cales 2 corresponden á Asociación Agraria de Galicia; outras 2 para Unións Agrarias; outras 2 para a Federación Rural Galega e a restante correspóndelle a Terras do Cigarrón, S.L.  

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron por unanimidade que a presidencia do consello regulador a asuma Jonatás Gago García, novo no cargo. No tocante á vicepresidencia será asumida por Manuel Vázquez Losada, tamén novo no cargo.  

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.  

No que queda de semana constituiranse tamén os consellos reguladores das IXPs Carnes de Vacún de Galicia e das denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023