A Xunta acorda co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa para a extracción de mexilla

A decisión foi adoptada tomando como base as propostas remitidas nas últimas semanas por unha parte do sector bateeiro á Consellería do Mar

A previsión é que a apertura de novas áreas de traballo sexa un feito xa a partir do próximo luns e se complete ao longo desa semana

O Executivo galego agradece o compromiso das principais entidades mexilloeiras coa busca de acordos e a empatía mostrada polas federacións de confrarías de pescadores cara unha situación que dificulta a campaña de produción de mexillón

A Administración autonómica avanza na vía do diálogo mantida desde o principio e que permitiu adoptar outras medidas como unha maior flexibilidade na instalación de cordas colectoras ou habilitar 130 quilómetros de costa hai unhas semanas
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

A Consellería do Mar acordou co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla -semente de mexillón- en bancos naturais para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.

Esta medida -que foi analizada esta tarde polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, aos representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal)- foi adoptada tomando como base as propostas razoables e viables remitidas por estas entidades nas últimas semanas á Consellería do Mar.

A previsión é que esta apertura de novas áreas de traballo sexa un feito xa a partir do luns e que se completará ao longo da semana para así dispor destas zonas no próximo período de baixamar e, por tanto, en condicións óptimas para a extracción da mexilla.

Esta decisión é o resultado dos contactos mantidos nas últimas semanas con parte das entidades do sector mexilloeiro -que fixeron distintas propostas á Administración- e coas federacións de confrarías de pescadores, que mostraron a súa empatía e solidariedade coa difícil situación actual pola falta de recurso.  

Precisamente, a Xunta agradece o talante e compromiso coa busca de acordos mantido desde o primeiro momento polas entidades participantes no encontro de hoxe e tamén a madurez mostrada polos representantes das confrarías ante un escenario que dificulta a campaña de produción do mexillón.

A Consellería do Mar avanza así na vía do diálogo mantida desde o primeiro momento coa finalidade de que as decisións que se adopten sexan equilibradas cos intereses dos dous sectores implicados -os bateeiros e os percebeiros- garantindo ao mesmo tempo unha explotación sustentable dos recursos.

Medidas previas

Esta estratexia permitiu que nas últimas semanas se adoptasen outras medidas para facer fronte á falta de cría como a posta a disposición do sector de máis de 130 quilómetros de costa -120 nos portos e arredor de 12 en zonas dependentes de cinco confrarías-, a ampliación do número e lonxitude das cordas colectoras que se instalan nas bateas de mexillón e a posibilidade de autorizar tamén as cordas colectoras en bateas de reparqueo ou de cultivos de ostra.

A estas medidas para o curto prazo engádense outras para o medio e longo prazo como distintas investigacións -cun investimento de máis de dous millóns de euros- para avanzar no coñecemento da abundancia de mexilla no litoral de Galicia, na captación de semente por distintos medios e na produción en criadeiro.

Este paquete de actuacións, tanto inmediatas como de longo percorrido, busca contribuír a atallar a actual escaseza de recurso e a reducir no futuro a dependencia do medio natural para a súa obtención. De feito, semella que a situación que se vive agora mesmo responde ao cambio no modelo produtivo do sector -que nos últimos anos elevou nun 50% a produción de mexillón pequeno-, o que fai que cada vez se requira máis cría para poder producir xusto cando o número de individuos en idade reprodutora é menor.   

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/03/2023