A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu hoxe dúas preguntas no Pleno do Parlamento

A Xunta celebra que a sentenza do Tribunal Supremo sobre Ence lle dá a razón e avala a súa postura sobre as prórrogas das concesións anteriores a 1988

Ángeles Vázquez explica que enviou senllas cartas á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ao secretario de Estado para a UE solicitando información sobre o expediente da UE polas concesións para edificacións na costa

Salienta que o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia non se vería afectado por este procedemento porque está fundamentado nas recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello, así como na Carta Europea do Litoral

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia celebrou hoxe que a sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga extraordinaria de ENCE para permanecer na ría de Pontevedra lle dea a razón ao Goberno galego nos seus argumentos en contra da última modificación do Regulamento xeral de costas e avale “de xeito inequívoco” a postura que sempre defendeu sobre as prórrogas das concesións no litoral anteriores ao ano 1988.

 

En resposta a unha pregunta no Parlamento sobre os efectos desta decisión no recurso presentado pola Xunta contra a referida reforma do regulamento, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu en que o Supremo “descarta sen lugar a dúbidas que se poida negar o dereito a prórroga” no caso de títulos outorgados no dominio público marítimo terrestre (DPMT) antes desa data.

 

“Levamos tres anos de ataques continuos aos 82 concellos galegos do litoral, de ataques continuos aos 2500 quilómetros de costa, de ataque social, político, medioambiental e por suposto, tamén económico”, declarou a conselleira, que se felicitou polo feito de que a sentenza —cuxo fallo se coñeceu o pasado 7 de febreiro pero que non se fixo pública ata hoxe— lle dá a razón á Xunta “absolutamente en todo”.

 

Así mesmo e preguntada tamén polas consecuencias para Galicia do expediente aberto pola Unión Europea contra España polas concesións para a construción no DPMT, a responsable autonómica anunciou que xa se dirixiu ao Goberno central para pedirlle que informe a todas as comunidades autónomas costeiras sobre este asunto.

 

Nesa liña, avanzou que a semana pasada remitiu senllas cartas á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e ao secretario de Estado para a UE, Pascual Navarro, nas que solicita información en profundidade sobre o procedemento de infracción aberto e, especialmente, sobre a Carta de Emprazamento.

 

Logo de lamentar que, ata o momento, “só temos coñecemento da cuestión polo publicado nos medios de comunicación”, a conselleira lembrou que Galicia, ademais de ser a comunidade con máis quilómetros de costa, ten competencia exclusiva en materia de ordenación do litoral.

 

De feito, o Goberno galego está a ultimar o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia, que, segundo Ángeles Vázquez, “non se vería afectado por este procedemento” porque está fundamentado nas recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello, relativas á aplicación da xestión integrada das zonas costeiras de Europa, así como na Carta Europea do Litoral.

 

Cómpre lembrar que a futura normativa, que superou os trámites de audiencia e información pública e cuxas alegacións xa foron contestadas, ten como finalidade regular a protección e a utilización sustentable do litoral por confluír nel valores ambientais, económicos e sociais, pero non rexer o prazo das concesións na costa por estar reservado á lexislación estatal básica, que o anteproxecto de lei da Xunta respecta.

 

Vivendas no barrio ourensán de Covadonga

Por outra banda, a conselleira tamén respondeu no Parlamento sobre as obras de reforma e acondicionamento que foi necesario realizar nos edificios de vivendas de promoción pública do barrio de Covadonga, no Concello de Ourense, para solucionar as deficiencias do proxecto inicial que data do ano 2008. Así, Ángeles Vázquez explicou que todas as incidencias detectadas están derivadas pola entrada de auga.

 

De feito, o Goberno galego leva investidos arredor de 200.000 euros, dos cales máis de 50.000 euros xa se destinaron a diversas actuacións de mellora e acondicionamento, como, por exemplo, a protección con metacrilato das fachadas dos lavadoiros-tendais, a mellora da seguridade nas portas de entrada ou o cambio de instalación dos interfonos e dos detectores de presenza nos corredores, xa que non eran estancos.

 

A maiores, a finais de xaneiro, a Xunta licitou o contrato para acometer máis obras de reparación e mantemento necesarias no edificio por máis de 145.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023