A conselleira do Mar respondeu no Parlamento unha interpelación sobre a rexeneración dos bancos marisqueiros nas rías galegas

A Xunta destinou desde 2009 máis de 17 M€ a arredor de 400 proxectos para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros de Galicia

Este investimento permitiu actuar sobre máis de 16 millóns de metros cadrados de superficie e sementar preto de 250 millóns de unidades de cría de ameixa

Este tipo de accións contribuíron, entre outros obxectivos, a paliar os efectos de episodios extraordinarios de abundantes choivas semellantes aos rexistrados a finais de 2022 e comezos deste ano

A titular de Mar salienta que se está a facer un seguimento do estado dos distintos bancos marisqueiros desde o primeiro momento e que xa en xaneiro se convocaron axudas a proxectos de mellora das zonas de produción e protección dos ecosistemas

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe no Parlamento que a Xunta destinou desde 2009 máis de 17 millóns de euros a arredor 400 proxectos para a mellora do estado e a produtividade dos bancos marisqueiros con actuacións destinadas, entre outras finalidades, a paliar os efectos de episodios extraordinarios de abundantes choivas como os rexistrados a finais de 2022 e comezos deste ano.

A titular de Mar explicou en resposta a unha interpelación sobre a rexeneración nas rías galegas que as accións aprobadas nos últimos anos permitiron actuar sobre máis de 16 millóns de metros cadrados de zonas de traballo e sementar preto de 250 millóns de unidades de cría de distintos tipos de ameixa. 

A representante do Executivo galego incidiu en que as condicións meteorolóxicas rexistradas a comezos deste ano foron totalmente excepcionais -en xaneiro choveu case o dobre do habitual- e que desde o primeiro momento a Consellería do Mar fixo un seguimento do estado dos bancos marisqueiros e puxo os seus técnicos a disposición das confrarías de pescadores para apoialas en todo o que precisasen.

Nesta liña, a Xunta tamén publicou en xaneiro distintas convocatorias de axudas para proxectos colectivos de mellora das zonas de produción e protección dos ecosistemas por importe de máis de 1,3 millóns de euros que o sector pode empregar para paliar os efectos dos temporais nas súas zonas de explotación marisqueira.

De feito, a conselleira subliñou que estas liñas de achegas permitiron aprobar o ano pasado 45 proxectos de rexeneración das súas zonas de traballo por importe de máis dun millón de euros que supuxeron a actuación en máis de 3,2 millóns de metros cadrados de superficie e a sementeira de arredor de 42 millóns de unidades de ameixa.

A titular de Mar asegurou que a Xunta vai seguir traballando na defensa dos intereses dun sector que emprega a milleiros de profesionais na comunidade e que o ano pasado comercializou máis de 7.500 toneladas de distintos moluscos bivalvos, superando así os niveis de produción acadados durante a pandemia. 

Nesta liña, Rosa Quintana lembrou que o labor realizado polo Executivo galego en distintos ámbitos -como o saneamento das rías- contribuíu a que case 40 zonas de produción de moluscos bivalvos mellorasen a súa clasificación microbiolóxica desde 2009, logrando que as áreas en mellor estado pasasen do 3% a case o 16%. Eses avances, incidiu, son froito dos importantes investimentos realizados nos últimos anos e que van continuar no futuro.

Xestión dos encoros

En relación coa xestión dos encoros durante as intensas choivas rexistradas a comezos de ano, a conselleira subliñou que os caudais liberados nalgúns como o de Portodemouros ou o de Caldas de Reis foron moi inferiores ás achegas de auga recibidas neses días. A xestión dos seus caudais, explicou, foi acorde á situación existente e de terse detectado algún desaxuste Augas de Galicia tería actuado en consecuencia.

Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que a Xunta está a avaliar o impacto que as choivas tiveron nos distintos bancos e que traballa co obxectivo de ter cada vez un coñecemento maior sobre o estado das diferentes especies. Por iso o Executivo galego puxo en marcha ferramentas como a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos -co obxectivo de avaliar os factores que inflúen na situación dos distintos recursos- ou a Rede de Observadores do Medio Mariño Galego (Redogal), para avaliar a presenza de especies exóticas nas augas galegas que poidan ser indicadoras de cambios ou alteracións no ecosistema mariño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023