A Xunta defende a atención integral prestada a través das oficinas de atención ás vítimas para garantir a súa protección durante os procesos xudiciais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que xa está elaborado o protocolo de actuación sobre o funcionamento destas oficinas e prevese a súa aprobación a próxima semana

A Xunta garante co acompañamento psicosocial o seguimento das vítimas durante todo o proceso xudicial que minimiza a vitimización

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe o traballo da Xunta para consolidar o modelo de atención asistencial a través das Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV) no ámbito da xustiza. Este sistema inclúe a intervención psicolóxica na que os profesionais da psicoloxía e de traballo social levan a cabo unha atención individualizada da vítima co obxectivo de posteriormente aplicar medidas de protección necesarias que minimicen os trastornos psicolóxicos e propoñer outras que garantan a protección da vítima durante todo o proceso xudicial. 

Nesta liña, anunciou que xa está elaborado e prevese aprobar a próxima semana o protocolo de actuación sobre o funcionamento destas oficinas, co obxectivo de prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito, con especial fincapé nas vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables como os menores de idade ou as persoas de idade avanzada.  

O protocolo recolle un acompañamento completo feito por un equipo psicosocial existente nas sete grandes cidades, que permiten un control e seguimento das vítimas desde o primeiro momento ata a súa declaración no xuízo. Tamén establece os criterios de actuación que permitan coordinar a actividade dos distintos colectivos profesionais que, no ámbito da organización da Administración de Xustiza, desempeñan competencias con respecto ás persoas destinatarias da asistencia integral. Deste xeito -engadiu- que as vítimas que acoden á Administración de Xustiza “teñen garantida unha total protección que minimiza a vitimización”.

O vicepresidente segundo incidiu no labor desde o Goberno galego para dotar ás OAV dos medios persoais precisos, ademais de reforzar a formación dos profesionais que traballan nelas. No que se refire á formación neste eido explicou que, no ámbito da Xustiza, a Xunta mantén convenios co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais de Galicia para ofrecer precisamente actividades formativas específicas en materia de violencia de xénero aos profesionais da avogacía e a procuradoría. Co Consello Galego da Avogacía Galega, a Administración autonómica mantén outro acordo para o desenvolvemento de accións de atención profesional a vítimas de violencia sexual. Pola súa parte, o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) tamén elaborou un manual de valoración forense integral da violencia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023