Fernández-Tapias destaca o “talento” das científicas e investigadoras viguesas como “exemplo e referencia” no Día Internacional da Muller

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores nun encontro con traballadoras do centro tecnológico de Anfaco-Cecopesca

“É un centro símbolo de oportunidades para mulleres que demostran cada día a súa capacidade de traballo e o seu esforzo”, sinalou
 

Vigo, 8 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este mércoes con motivo do Día Internacional da Muller as instalacións de Anfaco-Cecopesca para manter un encontro coas científicas que traballan na organización empresarial viguesa.

A representante autonómica coñeceu o traballo que desempeñan un total de 75 mulleres na sede da empresa no Campus Universitario de Vigo. “Son químicas, biólogas, farmacéuticas, enxeñeiras… pero sobre todo son o exemplo do talento das viguesas”, sinalou tras percorrer as instalacións.

Na súa intervención, a representante autonómica emprazou a recoñecer as aportacións de todas as mulleres e nenas, “a ser inconformistas e esixir máis cambios para a consecución da plena igualdade”. Reivindicou así os importantes avances logrados, ao tempo no que indicou que non son menores os retos e desafíos que se presentan a futuro.  

“Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”. Este foi o lema que a ONU escolleu este ano para conmemorar este 8M. “Nun día como hoxe, cando celebramos o Día Internacional da Muller, cremos que Anfaco é un símbolo de igualdade de oportunidades e un centro de referencia para mulleres que demostran cada día o seu talento, a súa capacidade de traballo e de esforzo, pero tamén as súas aptitudes e competencias”, engadiu.

Fernández-Tapias tamén apuntou que a Xunta de Galicia leva anos traballando e apostando pola promoción das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas) entre as nenas e as mozas para romper coa brecha de xénero e cos estereotipos que aínda persisten hoxe en día. “Para iso, resulta fundamental consolidar o enfoque de xénero e o fomento da incorporación profesional das mulleres neste ámbito”, sinalou. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023