A Xunta reitera o seu compromiso cos concellos afectados polas inundacións de Nadal e lembra a coordinación levada a cabo desde o 112 na atención das incidencias

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou que o Goberno galego amosou a súa vontade de colaborar co Goberno central e as deputacións para visitar as zonas afectadas polos danos
 

Aclarou que a declaración dun nivel de emerxencia como o de interese galego só se pode activar no momento da incidencia para coordinar a mobilización de efectivos e nada ten que ver coa concesión de axudas
 

Tamén explicou que os concellos afectados poden solicitar ao Ministerio do Interior a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil e optar ás axudas dispoñibles para estes casos
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta cos concellos afectados polas inundacións rexistradas na comunidade en decembro de 2022 e xaneiro deste ano ofrecéndose a visitar as zonas afectadas polos danos e contestando a todas as cartas remitidas polos municipios, polo que reclamou a mesma implicación ao Goberno central e ás deputacións. Ademais, lembrou o traballo levado a cabo desde o Centro Integrado de Emerxencias (CIAE) 112 Galicia nas xornadas nas que se rexistraron as incidencias coa atención ás chamadas, a mobilización dos medios necesarios e a información á poboación das distintas alertas meteorolóxicas.

Ante a posibilidade de activar a declaración do nivel de emerxencia galego, Diego Calvo aclarou que en ningún caso vai asociada coa aprobación de axudas polos danos ocasionados, xa que os seus efectos se limitan á dirección e xestión da emerxencia no momento no que esta se produce en casos extraordinarios nos que se precisan medios alleos aos da zona. Por tanto, “non tería sentido activala agora” e tampouco é un requisito necesario para optar a posibles subvencións.
 
Nesta liña, lembrou que só se declarou este nivel de emerxencia para coordinar os distintos operativos no marco da loita contra a covid-19 que esixiron un elevado grao de coordinación entre os servizos de emerxencia e as forzas e corpos de seguridade. Outros niveis de menor categoría son as situacións do nivel 1, que se solucionan con recursos locais, ou de nivel 2, como as vagas de incendios de 2022 ou o accidente do Alvia de 2013 que precisan medios de toda a comunidade. Así, incidiu en que nas inundacións de decembro de 2022 e do pasado xaneiro nin sequera se activou o nivel 1. De feito, fronte a outros temporais como o ciclón Klaus de xaneiro de 2009, a borrasca de Nadal de 2013 ou a borrasca Fabien de decembro 2019, nos temporais do pasado Nadal rexistráronse unha media de 554 incidencias.
 
Na súa intervención, o vicepresidente segundo apuntou que as inundacións de decembro de 2022 e xaneiro de 2023 non foron un fenómeno excepcional no que non procedeu adoptar medidas específicas por parte da Xunta. Deste xeito, corresponde a deputacións e concellos -aclarou- restablecer os servizos básicos sen prexuízo de que a Xunta o faga no marco das súas competencias nos bens e servizos da súa titularidade. Esas medidas tomadas polas distintas administracións para restablecer os servizos esenciais para a comunidade afectadas por unha catástrofe pódense levar a cabo -insistiu Diego Calvo- sen necesidade da declaración de emerxencia de interese galego.
 
Por outra banda, explicou que os concellos afectados poden solicitar ao Goberno central a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil. Do mesmo xeito, engadiu que estes poden pedir as axudas do Ministerio do Interior dispoñibles todo o ano para atender necesidades derivadas de situacións de emerxencia.
 
Canto á concesión de axudas, o vicepresidente segundo reclamou ao Goberno central a mesma implicación e axilidade que demostrou a Xunta na vaga de incendios do ano pasado ao ter a finais de 2022 xa todas a as axudas solicitadas pagadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023