A Xunta avanza na equiparación das condicións dos profesores técnicos de FP grazas a un investimento anual de 3,5 M€ que asume o Goberno galego

A Consellería de Educación publica a resolución provisional pola que un total de 1008 docentes se integran no corpo de Secundaria


Román Rodríguez reuniuse cos representantes dos 665 profesionais afectados pola lei estatal para explicarlles o complemento salarial que iguala a súa situación

 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia avanza no proceso de equiparación das condicións dos profesores técnicos de FP grazas a un investimento anual de 3,5M€ que asume en solitario o Goberno galego. Por unha banda, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica hoxe a resolución provisional pola que un total de 1008 docentes que ata momento formaban parte do devandito corpo, que a nova lei educativa declarou a extinguir, se integran do de profesores de Secundaria.

Por outra, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse estes días cos representantes dos 665 profesionais, aos que o Ministerio impide acollerse á integración, para explicarlles o complemento salarial aprobado pola Xunta que iguala a súa situación.

No caso da integración, trátase das 1008 persoas que participaron no proceso convocado o pasado 9 de novembro e que reunían os requisitos de titulación requiridos para integrarse co corpo de Secundaria. Para facer efectiva a integración, os solicitantes debían, ademais, ser persoal funcionario de carreira do corpo de profesores técnicos de FP, ser titulares da especialidade na que se solicita a integración, ter destino definitivo ou encontrarse en expectativa de destino en Galicia e estar en situación de servizo activo, de servizos especiais ou en diferentes casos de excedencia (por coidado de familiares, por razón de violencia de xénero ou por razón de violencia terrorista), sempre que tivera o seu último destino en servizo activo en Galicia.

De xeito paralelo, o departamento educativo da Xunta avanza na tramitación do complemento salarial específico de 146,93€ mensuais aprobado no pasado Consello para compensar aos 665 profesores técnicos de FP que, por non dispoñer da titulación exixida, non poden integrarse no corpo de profesores de Secundaria. Cómpre salientar que estes docentes desenvolven as mesmas funcións que os que si poden pasar ao corpo superior, polo que a medida ten como obxectivo compensar un desequilibrio salarial inxusto.

 
 
Solucións a un mal desenvolvemento normativo

A extinción do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional foi una decisión unilateral do Goberno central incluída na LOMLOE que, nun mal desenvolvemento normativo, só abría a porta á integración no corpo de Secundaria aos que reunisen os requisitos de titulación. Con posterioridade, nun intento de emendar este erro advertido pola Xunta, a lei de FP creou un novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de FP para un total de 10 especialidades ao marxe dos de Secundaria.

A creación co complemento salarial da Xunta dá resposta ás demandas dos docentes que non se poden integrar no corpo de Secundaria por non cumprir os requisitos de titulación pero que desenvolven as mesmas funcións e que, desde a súa experiencia, levan anos contribuíndo á excelencia da FP galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023