A Xunta aposta pola formación especializada na confección téxtil para profesionais de artesanía de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta tarde en Santiago o curso intensivo de perfeccionamento de remates e patróns, que forma parte da programa de formación especializada para artesáns impulsado pola Administración autonómica

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – continúa co seu programa de formación especializada dirixido a obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia, co obxectivo de consolidar a súa profesionalización e incrementar a súa competitividade.  O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta tarde en Santiago de Compostela o desenvolvemento do Curso intensivo de como mellorar os remates e patróns dos produtos, impartido por Ana Prados Atelier.

Esta actividade formativa, que se está a celebrar os martes pola tarde en horario de 16:00 a 20:00 horas, ata o vindeiro 21 de marzo, está dirixida a axudar os artesáns participantes á creación de patróns para os seus produtos, a construción dos prototipos e a confección do produto, poñendo especial atención nos remates. No curso participan artesás dos obradoiros Boneco Tolo (Santiago de Compostela), Liño e lá (Gondomar), Jerolas (Curtis), Lumecú (Vilar de Santos) e Redeiras Artesás (Ponteceso).

Esta iniciativa supón unha continuación do programa formativo no ámbito téxtil que se iniciou co curso intensivo de patronaxe desenvolvido no mes de febreiro e impartido tamén por Ana Prados.

Data de actualización: 07/03/2023