O programa autonómico de impulso ao emprendemento feminino, Emega, permitiu nos últimos trece anos apoiar 1.480 proxectos e a creación de 2.084 empregos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Santiago de Compostela a iniciativa Creativas Galegas, un colectivo formado por mulleres artesás e do eido cultural beneficiarias das axudas da Xunta

Emega contará en 2023 cun investimento próximo aos catro millóns de euros coa previsión de conceder unhas 300 axudas

Puxo en valor que esta iniciativa está a incrementar e consolidar a presenza feminina no tecido empresarial galego, o que supón unha maior prosperidade para Galicia

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o programa autonómico Emega, de impulso ao emprendemento feminino, nunha visita que realizou a Creativas Galegas, un proxecto formado por mulleres artesás e do eido cultural galego beneficiarias destas axudas.

Emega, con 27 anos de traxectoria, permitiu nos últimos trece anos, cun aumento no seu orzamento do 203 %, o apoio a 1.480 proxectos de emprendemento feminino, a creación de 2.084 empregos femininos novos e a consolidación doutros 648, todos eles de carácter indefinido. En total, 2.732 novos postos de traballo para mulleres.

Lorenzana explicou que este programa está cualificado como boa práctica pola Unión Europea e anunciou que para 2023 contará cun investimento de case 4 millóns de euros para conceder unhas 300 axudas distribuídas en catro liñas diferentes: Emprende, para aposta en marcha de iniciativas; Activa, para a reactivación, consolidación ou implantación de medidas innovadoras en empresas xa creadas; ITEF, para impulsar iniciativas de carácter tecnolóxico; e Concilia, complementaria ás tres anteriores, para apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A conselleira de Igualdade, para rematar, e tras felicitar a Creativas Galegas por contribuír ao crecemento de Galicia, sinalou que con iniciativas como Emega estase a incrementar e consolidar a presenza feminina no tecido empresarial galego, o que supón, nas súas palabras, “un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para a comunidade galega en todo o seu conxunto”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023