A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución durante unha visita á xestoría Piloto

A Xunta inviste preto de 20.000 € en axudas para implantar a igualdade laboral e a conciliación en negocios de Ferrolterra

Un total de cinco empresas da comarca resultaron adxudicatarias no 2022 destas achegas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinadas a micropemes, pemes e persoas traballadoras con persoal contratado

O Goberno galego ten aberta a convocatoria deste ano que conta cun investimento de 1,4 M€ e pretende chegar a beneficiar a 250 empresas

Ferrol, 7 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia inviste preto de 20.000 euros en axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) en Ferrolterra. A delegada territorial, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, informou da resolución destas axudas destinadas a micropemes, pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado, no marco dunha visita á xestoría Piloto, situada na zona portuaria de Ferrol e que resultou beneficiaria de dúas achegas.

Así, dentro da liña II desta convocatoria, o establecemento ferrolá recibiu máis de 4.000 euros en achegas, unha de 3.000 euros para o fomento do teletraballo e outra de 1.000 para a mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral. Esta xestoría é unha das cinco empresas da zona, xunto a Talleres Mecánicos Galicia (Narón), Dolmen Brokers (Narón), Asesoría Camino (Fene) e Noko 360 Sports Consulting (Ferrol), que resultaron adxudicatarias destas achegas o pasado ano.

Na véspera do Día Internacional da Muller, a delegada referendou o compromiso do Goberno galego “coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral, en concreto a través da conciliación e a corresponsabilidade e con axudas concretas como estas para fomentar o teletraballo ou a flexibilidade horaria”.

Aneiros lembrou durante a visita, que ata o próximo 10 de marzo está aberta a convocatoria de 2023 que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros para toda Galicia e “pretende chegar a beneficiar a 250 empresas”, indicou.

Ao igual que o ano pasado, está estruturada en tres liñas: unha primeira, para fomentar a elaboración e posta en de plans de igualdade (orzamento: 250.000 euros); unha segunda, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria (1,05 millóns de euros); e unha terceira, dotada con 100.000 euros, para que as empresas poidan optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.

Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevé apoios, que se bareman en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que poden chegar ata 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de expertas ou expertos en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Inclúense neste segundo paquete de achegas, ás destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80 % do investimento con tope de 1.500 euros por empregada ou empregado beneficiario e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10 % naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa de Promoción do Emprego e Igualdade apoia ás empresas e ao traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80 % dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.

A Xunta leva mobilizados neste programa de axudas para a igualdade laboral cerca de 10 millóns de euros desde 2017, tendo beneficiado un total de 1.350 empresas nestes anos.

Resolución do programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial en Ferrolterra 2022

LIÑA I:ELABORACIÓN E IMPLANTACIÓN DE PLANS DE IGUALDADE

TALLERES MECANICOS GALICIA, S.L.

 
 
 
2.100 €
LIÑA II: CONCILIACIÓN
 
Incentivos para fomento do teletraballo

Incentivos para fomento da flexibilidade horaria

Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral

 

DOLMEN BROKERS, S.L.

3.000,00
   
3.000,00 €

GESTORIA PILOTO, S.L

3.000,00
 
1.018,19
4.018,19 €

ASESORÍA CAMINO, S.L.

 
9.000,00
 
9.000,00 €

NOKO 360 SPORTS CONSULTING, S.L.

   
1.232,00
1.232,00 €
TOTAL
     
19.350,19 €

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023