O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa no congreso cuxo relatorio inaugural corre a cargo de Luis Rojas-Marcos ante un milleiro de docentes

A Xunta reforzará as ferramentas de convivencia e benestar para consolidar o bo clima nas aulas

Román Rodríguez subliña que o sistema educativo “é unha parte fundamental” da formación en valores dos alumnos, pero para avanzar neste eido é preciso “contar coa complicidade” do resto de actores, como as familias e a sociedade en xeral


A Consellería de Educación traballa no lanzamento da nova enquisa de convivencia, na actualización do Plan de Benestar Emocional e na nova Estratexia de Inclusión


Sinala que parte do éxito do sistema educativo galego, tanto en variables de calidade como de equidade e inclusión, é tamén froito da boa convivencia

 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

A Xunta vai reforzar as ferramentas de convivencia e de benestar educativo con novas iniciativas para seguir consolidando o bo clima acadado, cuestión que, en palabras do conselleiro de Educación, contribúe “de xeito substancial” á calidade e equidade do sistema educativo galego. Román Rodríguez abriu esta mañá o Congreso de Convivencia e Benestar Emocional que hoxe congrega en Santiago preto de un milleiro de profesionais do ensino, e cuxa conferencia inaugural correu a cargo do psiquiatra Luis Rojas-Marcos.

O representante do Goberno galego expuxo que a convivencia é “unha temática tremendamente complexa con múltiples manifestacións” que esixe dunha dedicación e esforzo por parte do sistema educativo e dos docentes en particular, aos que agradeceu o compromiso “demostrado sobre todo nestes últimos anos de dificultades”. Non obstante, reivindicou que a educación en valores é unha tarefa que debe implicar ao conxunto da sociedade máis aló da “capacidade” que exerce o sistema educativo para orientar as dinámicas colectivas e sociais.

Así pois, desde a Consellería de Educación vanse seguir implementando accións específicas para consolidar o bo clima nas aulas, segundo avalan os datos da última enquisa onde o 90% dos membros da comunidade educativa aseguran que non existen problemas de convivencia. Isto, segundo o conselleiro, “contribúe de forma significativa ao éxito educativo, porque se non hai un bo clima nas aulas, é difícil acadar o éxito” representado en variables “palpables” como que a taxa de abandono escolar se reduciu do 26 ao 9,9% na última década ou que o 93% dos alumnos con necesidades educativas está integrado en centros ordinarios.

Para seguir avanzando neste eido cóntase coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, a folla de ruta do Goberno da Xunta enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e consolidar un modelo de convivencia inclusiva, equitativa e de calidade. Ao abeiro desta estratexia, a Consellería vai lanzar a cuarta Enquisa de Convivencia para testar o clima nas aulas e a súa evolución tras a última realizada en 2021. Así mesmo estase traballando na actualización do Plan de Benestar Emocional adaptándoo ao novo contexto de pospandemia para o que fóra deseñando no seu momento.

Doutra banda, tamén se está ultimando a Estratexia Galega de Inclusión Educativa, do que se desprenderán outro abano de accións específicas neste eido que tamén enlaza coa convivencia e o benestar.

 

Intercambio de experiencias

O encontro de hoxe  é unha das accións formativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco da mencionada estratexia, coa abordaxe, entre outros, de temas como a igualdade e a convivencia positiva, o coidado do benestar emocional e a convivencia dixital. Así pois, ao longo da xornada, persoas expertas no ámbito da convivencia e do coidado das emocións achegan aos profesionais da educación as súas experiencias e coñecementos a través de relatorios, mesas redondas e obradoiros.

Entre os poñentes cómpre destacar a responsable de sensibilización e políticas de infancia de UNICEF, Marta Andrade Blanco; a directora territorial da Fundación Secretariado Gitano de Galicia, Eva Vera; os psiquiatras Alexandre García Caballero, Ricardo Fandiño e Rosario del Rey, e representantes de centros escolares e dos Equipos de Orientación Específico, entre outros.

Data de actualización: 07/03/2023