Trenor anima ás pemes a solicitar as axudas de 1,4 M€ para promover a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial entre o tecido produtivo galego

Esta orde recolle apoios de ata 9.000 € para medidas de flexibilidade horaria ou de fomento do teletraballo e de ata 20.000 € para financiar o investimento necesario para garantir o traballo en remoto

O prazo está aberto ata o vindeiro 10 de marzo

Con estas medidas, que impulsan tamén a implantación de plans de igualdade nas empresas e de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), o Executivo autonómico espera chegar a unhas 250 firmas

Desde 2017 mobilizáronse cerca de 10 M€ no marco deste programa, o que permitiu atender 1.350 solicitudes

A Coruña, 7 de marzo de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o despacho de Navarro Avogados e Consultores Xurídicos, un dos beneficiarios, con 12.000 euros, o ano pasado, das axudas para micropemes, pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). No 2022 se beneficiaron destas tres liñas de apoios 27 pemes e autónomos con empregados da comarca da Coruña por un importe total de 128.000 euros.

O representante do Goberno autonómico informou que xa está aberta unha nova convocatoria destas axudas cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que ten aberto o prazo de solicitude ata o próximo venres 10 de marzo.

Con esta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade se pretende chegar a beneficiar unhas 250 empresas e que está estruturada en tres liñas: unha primeira, para fomentar a elaboración e posta en de plans de igualdade (orzamento: 250.000 euros); unha segunda, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria (1,05 millóns de euros); e unha terceira, dotada con 100.000 euros, para que as empresas poidan optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.

Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevé apoios, que se calculan en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que poden chegar ata 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de expertas ou expertos en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Inclúense neste segundo paquete de achegas, ás destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80% do investimento con tope de 1.500 euros por empregada ou empregado beneficiario e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa de Promoción do Emprego e Igualdade apoia ás empresas e ao traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.

A Xunta leva mobilizados neste programa de axudas para a igualdade laboral cerca de 10 millóns de euros desde 2017, tendo beneficiado un total de 1.350 empresas nestes anos.

A medida encaixa na aposta que a Xunta de Galicia está a redobrar a favor da igualdade e do benestar laboral e que está presente como un dos eixos principais no deseño das súas políticas de emprego. Así, a  Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano 2023 cerca de 17M€ (16,8M€) para apoiar á conciliación e a corresponsabilidade, a igualdade e o benestar laboral.

Ademais dos recursos económicos o Goberno galego está a avanzar na reforma da lexislación autonómica de igualdade para adecuala aos novos tempos e para ampliar a súa cobertura de servizos, incluíndo, como novidade no seu articulado, conceptos como a discriminación múltiple ou o benestar laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023