A Xunta pon en valor a oferta turística da comunidade na Feira Internacional de Turismo de Berlín

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, estivo hoxe xunto a representantes do Clúster de Turismo no stand co que Turismo de Galicia participa na Feira

O alemán segue a ser un dos principais mercados internacionais para a nosa comunidade

Berlín, 7 de marzo de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, estivo no día de hoxe no stand co que Turismo de Galicia participa na Feira Internacional de Turismo de Berlín, xunto a representantes do Clúster de Turismo para pór en valor a oferta turística de Galicia.

O espazo galego conta con 50 m2 dentro do stand de Turespaña, con mostradores de información e unha área de traballo dedicada a profesionais na que estará representado o Clúster Turismo de Galicia con citas programadas. A Feira ITB Berlín é unha das feiras profesionais mais importantes no sector turístico, na que participan máis de 180 países e que ano tras ano conta coa visita de máis de 160.000 persoas.

O alemán segue a ser un dos principais mercados internacionais para a nosa comunidade. Nos últimos anos vense observando que a maioría dos visitantes que se achegan ao stand de Galicia van coa intención de buscar información de primeira man para visitar a nosa comunidade a curto-medio prazo. O turista alemán trátase dun turista fiel que adoita repetir, amosando a súa preferencia por descubrir destinos afastados da masificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023