A Xunta presenta tres propostas técnicas para a construción do porto mixto en Corcubión

A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial da Xunta na Coruña trasladaron ao sector e a representantes municipais as opcións estudadas, que prevén a dotación de entre 150 e 200 prazas de amarre

A opción mellor valorada segundo os criterios técnicos de operatividade, custo, aceptación social e posibilidade de crecemento e facilidade de tramitación supón un investimento de 10 millóns de euros para un total de 198 prazas

Corcubión (A Coruña), 6 de marzo de 2023 A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, presentaron esta mañá o estudo de alternativas para a construción dun porto mixto en Corcubión. Os representantes do Executivo galego presidiron un acto informativo ante o sector portuario e os representantes municipais nos que deron a coñecer as tres opcións avaliadas para determinar o futuro proxecto técnico para a construción desta nova infraestrutura na localidade coruñesa.

O estudo de alternativas forma parte do conxunto de trámites previos á elaboración dun proxecto básico nos que a Xunta leva anos traballando e que requiriron dun investimento ata o momento de 65.000 euros para dar resposta á ampla demanda social desta obra.

As tres propostas dan cobertura ás necesidades do sector pesqueiro e xeran en total entre 150 e 200 prazas para profesionais e náutica recreativa. Ademais, todas elas inclúen a dotación de dique de abrigo e a creación de explanadas de servicio e aparcadoiros. O investimento necesario para executar as obras oscila entre os 7 e os 11 millóns de euros, cun custo estimado por praza que vai dos 47.000 aos 58.000 euros.

Unha vez deseñadas estas tres opcións realizouse unha análise multicriterio con distintos factores de ponderación como a operatividade da dársena, o custo, a aceptación social e posibilidade de crecemento e a facilidade de tramitación. Nesta ponderación a alternativa mellor valorada é a considerada Alternativa 1, de crecemento cara o exterior, que acadou tamén o apoio unánime de todos os axentes que participaron na presentación desta mañá.

Esta proposta inclúe un dique de abrigo de 282 metros en dúas aliñacións e a dotación dunha explanada, varadoiro e foso travel lift. En total crearanse 194 prazas de amarre cun custo medio por praza de 51.000 euros, co que o orzamento total do proxecto acadaría os 10 millóns de euros.

A presidenta de Portos de Galicia explicou que, unha vez ratificada a elección da Alternativa 1, Portos de Galicia dará inicio á tramitación ambiental, o que implicará que o proxecto será posto a exposición pública. Neste sentido, Susana Lenguas indicou que a tramitación das obras vén marcada pola grande complexidade de tramitación ambiental así como polas dificultades derivadas de que no procedemento interveñen diferentes administracións con competencias en distintas materias.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/03/2023