A Xunta completa a mellora da eficiencia enerxética do CPI o Toural de Vilaboa co cambio de todas as fiestras cun investimento de 145.000€

O delegado territorial de Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, César Poza, supervisou hoxe esta actuación, que deu continuidade á primeira fase e que se centrou na dotación de novas ventás en varias aulas, os baños, os laboratorios e a zona de administración


O proxecto tamén incluíu a corrección de filtracións de auga no casetón do ascensor, o porche e o pavillón, a reparación parcial das cubertas e a instalación de novas portas abisagradas con rotura de ponte térmica para incrementar a confortabilidade térmica
 

 “Seguimos co noso compromiso con este centro público, no que investimos case 350.000€ nos últimos anos e que agora deixamos en perfectas condicións cun illamento de primeiro nivel que favorece o desenvolvemento educativo”, sinalou o representante autonómico
 

Vilaboa, 6 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de completar a modernización e mellora da eficiencia enerxética do CPI O Toural de Vilaboa co cambio de todas as fiestras que non foron renovadas na primeira fase grazas a un investimento de 145.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, do alcalde de Vilaboa, César Poza, e doutros representantes municipais e educativos, supervisou hoxe esta actuación, que deu continuidade á primeira fase e que se centrou na dotación de novas ventás en varias aulas, salas específicas, os baños, os laboratorios e a zona de administración.

Cómpre sinalar que, con anterioridade, a Xunta de Galicia acometeu un cambio parcial das carpintarías exteriores, substituíndo as antigas de aceiro e un só vidro por outras de PVC, vidro dobre e cámara e caixa de persiana tipo monoblock. Dita primeira fase acometeuse nos espazos adicados a Educación Infantil, a biblioteca e algunhas aulas.

Agora, con esta segunda fase completouse o cambio das fiestras e realizáronse outras obras orientadas á correción de filtracións de auga no casetón do ascensor, o porche e certas zonas do pavillón como os vestiarios e o teito.

Así mesmo, executáronse reparacións puntuais e parciais das cubertas onde presentaban certos deterioros e a instalación de novas portas abisagradas con rotura de ponte térmica para reforzar as medidas de illamento e incrementar a confortabilidade do interior do colexio.

“Seguimos co noso compromiso con este centro público de Vilaboa, no que investimos case 350.000 euros nos últimos anos en obras de pavimentación, saneamento, fontanaría, mellora do ximnasio, renovación da calefacción ou arranxo da vivenda do conserxe e agora deixámolo en perfectas condicións con estas novas carpintarías exteriores e un illamento de primeiro nivel que favorece o axeitado desenvolvemento educativo”, concluíu o representante autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023