A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe no acto de presentación do Comisionado para o Corredor Atlántico que tivo lugar en Xixón

Galicia urxe unha xuntanza directa do noroeste co Comisionado do Corredor Atlántico para recuperar o tempo perdido na rede ferroviaria de mercadorías

Vázquez Mourelle indica que o encontro de hoxe se celebra nun marco xeral para todas as comunidades polas que pasa o Corredor, sen atención diferenciada ao noroeste peninsular, como veñen reclamando Galicia, Asturias e Castela e León
 

Sinala que este Comisionado se activa case 5 anos despois de que estea funcionando o do Corredor Mediterráneo e mes e medio despois do anuncio do seu nomeamento
 

Remarca que a xuntanza serviu para constatar que o Goberno de España non iniciou aínda o Plan Director do Corredor Atlántico que o noroeste reclama e que non se agardada que estea elaborado aínda ata outubro
 

Destaca o traballo estes anos das comunidades do noroeste, tendo identificadas as actuacións prioritarias e estimando un investimento de case 8.000 M€, que urxe executar aproveitando os fondos do Mecanismo Conectar Europa
 

Lembra que Galicia, Asturias e Castela e León lograron en 2018 a incorporación do noroeste ao Corredor Atlántico e agora debe traducirse no seu impulso efectivo
 

Xixón (Asturias), 6 de marzo de 2023

Galicia urxiu hoxe ao Goberno de España a convocatoria dunha xuntanza directa das comunidades do noroeste co Comisionado do Corredor Atlántico para impulsar a modernización da rede ferroviaria de mercadorías e recuperar o tempo perdido.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou esta mañá no acto de presentación do Comisionado para o Corredor Atlántico que tivo lugar en Xixón, coa presenza de todas as comunidades polas que transcorre o Corredor, polo que non foi este un foro no que Galicia, Asturias e Castela e León puideran defender as súas singularidades e intereses comúns.
 
Vázquez Mourelle indicou, en declaracións aos medios de comunicación, que a presentación deste Comisionado é un primeiro paso importante, pero lamentou que se active case 5 anos despois de que estea funcionando o do Corredor Mediterráneo e mes e medio despois de que se anunciase o seu nomeamento.
 
Remarcou que o encontro de hoxe se celebra nun marco xeral para todas as comunidades polas que pasa o Corredor, sen prestar a atención diferenciada que merece o noroeste peninsular, como veñen reclamando Galicia, Asturias e Castela e León.
 
A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta incidiu en que a xuntanza desta mañá serviu para constatar que o Goberno de España non iniciou aínda a elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico que as comunidades do noroeste veñen anos reclamando e que, polas previsións que manexa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, non se agarda que estea elaborado aínda ata outubro.
 
Neste sentido, lamentou que o Goberno non teñan concretado os plans para impulsar os investimentos que o noroeste necesita e manifestou preocupación, pois para Galicia, o desenvolvemento do Corredor Atlántico é un obxectivo estratéxico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade económica e empresarial.
 
Puxo en valor o traballo das comunidades do noroeste durante estes anos, ao ter xa definida unha estratexia de actuación para desenvolver o Corredor Atlántico nos correspondentes territorios. Así, sinalou que se teñen identificadas as necesidades de actuación máis prioritarias nesa infraestrutura, que precisa un investimento estimado en preto de 8.000 M€ que cómpre empezar a executar canto antes, aproveitando a oportunidade única dos fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa.
 
Recordou que o trazado orixinal do Corredor Atlántico Europeo excluía Galicia e, grazas á alianza co Principado de Asturias e con Castela e León, logrouse unha rectificación e a corrección deste erro histórico.
 
Desde este fito, lembrou que as tres comunidades veñen demandando que ese logro de incorporación ao Corredor Atlántico se traduza, para o noroeste e para Galicia, nunha renovación e modernización da rede ferroviaria de mercadorías.
 
Galicia ten 5 portos de Interese xeral do Estado, unha posición xeográfica privilexiada, como fachada atlántica e porta de entrada de Latinoamérica a Europa, ademais dunha relación moi estreita e intensa con Portugal.
 
Ademais, Galicia conta con sectores produtivos punteiros cun alto nivel de especialización e, en consecuencia, é prioritario o desenvolvemento desta actuación para contribuír ao progreso e a cohesión de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023