A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá a explotación Aranxes, en Monfero

A Xunta inxecta máis de 300.000 € en axudas para a mellora da sustentabilidade económica e ambiental do sector agrario na comarca do Eume

Esta convocatoria estrutúrase en catro liñas de axuda para investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandaría, a transformación integral e modernización dos invernadoiros, os investimentos en eficiencia enerxética e a aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0

Monfero (A Coruña), 6 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia concedeu axudas por máis de 300.000 euros para a mellora da sustentabilidade económica e ambiental do sector agrario na comarca do Eume. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a sociedade cooperativa Aranxes, unha das dúas beneficiarias da zona das achegas a investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandaría, á transformación integral e modernización de invernadoiros, á eficiencia enerxética e enerxías renovables e á aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola, convocadas o ano pasado.

Acompañada do representante da cooperativa, Manuel Rocha, Aneiros coñeceu o seu funcionamento e os recursos dos que dispón (conta con 17 socios e cinco traballadores). Aranxes recibiu unha axuda de 290.000 euros dunha das catro liñas na que se estruturou esta convocatoria, concretamente da de aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrario para a  mellora da seguridade alimentaria, coa que adquiriu unha recolleitadora.

Dentro desta mesma convocatoria, tamén resultou beneficiario doutra axuda de preto de 21.000 euros outro produtor de Monfero. Neste caso para a mellora da xestión de estercos nas explotacións gandeiras desde o punto de vista medioambiental.

Un total de 279 explotacións agrarias e gandeiras de toda Galicia beneficiáronse destas aportacións da Consellería do Medio Rural e percibiron un importe próximo aos 23 M€. Estas axudas foron convocadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e están financiadas con fondos Next Generation.

Nova maquinaria

Aranxes Sociedade Cooperativa Galega tamén percibiu este mesmo ano outra axuda da Consellería do Medio Rural de 100.000 euros para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo e promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario, a introdución de novas tecnoloxías e racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo e reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023