Lorenzana destaca en Lugo a aposta autonómica polo talento feminino a través do plan emprega muller cun investimento superior aos 16 M€ en 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe dous negocios liderados por mulleres, Landra e San Marcos Café, beneficiarios dos apoios do Xempre Emprendemento e Emega

Lugo, 6 de marzo de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Lugo, nunha visita que realizou a dous negocios liderados por mulleres (Landra e San Marcos Café), a aposta que está a facer a Xunta para impulsar en Galicia o talento feminino e o acceso da muller ao emprego e a postos de responsabilidade con iniciativas como o Plan Emprega Muller. Sinalou que é un Plan dotado en 2023 con máis de 16 millóns de euros e que inclúe catro programas específicos que afondan na formación para o emprego, fomentan a contratación por conta allea e impulsar o traballo por conta propia a través do emprendemento.

O Plan Emprega Muller aglutina por exemplo as axudas do Emega, do que foi beneficiaria a empresa San Marcos Café, unha iniciativa con máis dun cuarto de século de historia e referente, polo tanto, no impulso ao emprendemento feminino. A Xunta volverá a convocar este ano este programa que estará dotado con case catro millóns de euros.

Outro dos programas de impulso ao talento feminino da Xunta e ao que se referiu Lorenzana foi a liña Xempre Emprendemento, co que se está apoiar desde o Goberno galego o financiamento de investimentos para promover a creación de novas iniciativas empresariais. Son unhas axudas, que recibiu o negocio Landra o pasado ano, cando se convocou por primeira vez esta actuación. A conselleira de Promoción do Emprego sinalou que a Xunta volverá a publicar este ano esta liña de apoios “mellorada, reafirmando o compromiso de favorecer a iniciativa emprendedora en Galicia”.

Con Xempre Emprendemento, a Xunta deu o pasado ano cobertura ao 100% das solicitudes que cumpriron requisitos. Foron en total 1.146 as achegas realizadas que como media supuxeron unha inxección de 8.716 euros. Das 1.146 solicitudes concedidas, o 71% pertenceron a profesionais do traballo autónomo (38%) e a pemes (33%). Tamén entidades da economía social podían acceder ás mesmas, polo que se contabilizaron 32 cooperativas beneficiarias (2% do total) e 76 sociedades laborais, civís e comunidades de bens (o 5,25%).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023