O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha reunión cos veciños que se poderán beneficiar deste proceso

A Xunta prevé mobilizar algo máis de 53 hectáreas no concello de San Cibrao das Viñas a través da implantación do polígono agroforestal de Soutopenedo

Na actualidade, xa son 21 os polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa comunidade, dos cales 15 se atopan na provincia de Ourense

Tamén están declaradas un total de 21 aldeas modelo na nosa Comunidade, das cales 14 están na provincia de Ourense

Desde a entrada en vigor da Lei de recuperación, en maio de 2021, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria

San Cibrao das Viñas (Ourense), 4 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, mantivo esta mañá unha reunión cos veciños deste municipio ourensán que se poderán ver beneficiados pola implantación do polígono agroforestal de Soutopenedo. Neste senso, sinalou que dito instrumento prevé mobilizar unha superficie total de 53,27 hectáreas, dividida actualmente en 90 parcelas propiedade de 75 veciños.

Así, o conselleiro indicoulles que con este polígono -que se atopa en fase de actuacións previas- búscase recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

Ademais, cómpre sinalar que a mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado. Así mesmo, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Neste senso, o titular de Medio Rural subliñou que este polígono de Soutopenedo forma parte dos 21 polígonos agroforestais existentes na nosa Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños.

No tocante á provincia de Ourense, José González indicou que son 15 os polígonos que mobilizarán algo máis de 5.000 hectáreas. Precisamente, esta aglutina preto do 58 % da superficie total que está sendo mobilizada a través destes instrumentos impulsados pola Lei de recuperación.

Aldeas modelo

Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, das cales 14 están na provincia de Ourense. Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou que nos orzamentos deste ano da Consellería destínanse 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11 % máis ca en 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2023