A Xunta adxudica o contrato para a análise de mostras e avaliación de riscos das poboacións piscícolas dos ríos e dos centros ictioxénicos

Estes estudos, dos que se encargará a Universidade de Santiago, diagnosticarán patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria, así como determinacións toxicolóxicas no marco de investigacións de mortalidades acontecidas no medio natural

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) o contrato para levar a cabo a análise sanitaria das poboacións piscícolas dos ríos e dos centros ictioxénicos dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante os próximos 20 meses.

Cun orzamento base de licitación de máis de 81.000 euros estará cofinanciado nun 75 % pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (Feader) dentro do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR).

O obxecto do contrato é a prestación dun servizo de avaliación de riscos e análise de mostras para a vixilancia e o control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos galegos, dos procesos patolóxicos que poden afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia.

A función dos estudios a realizar será a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria, incluíndo tamén determinacións toxicolóxicas no marco de investigacións de mortalidades acontecidas no medio natural, co fin de que sirvan de base para a planificación e xestión adecuadas destes riscos no medio natural.

Deste xeito, no relativo ás poboacións piscícolas no medio natural, os estudos a realizar consistirán en estudos periódicos do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas no seu hábitat e na análise sanitaria e toxicolóxica para a investigación de mortaldades ou outras incidencias.

Cómpre lembrar que na actualidade, na Comunidade galega cóntase con tres centros ictioxénicos, que se atopan en Carballedo (Cerdedo-Cotobade), O Carballiño e O Veral (Lugo). Os estudos a realizar nestas instalacións consistirán na análise do estado sanitario dos reprodutores, da produción con destino á repoboación e do centro de cultivo como consecuencia de incidencias -mortaldades anormais, baixo rendemento, sospeitas de patoloxías, etc.-.

Data de actualización: 05/03/2023