A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou hoxe a cuarta asemblea anual do clúster empresarial Viratec, que aglutina a 70 socios

A Xunta chama ao tecido empresarial a converterse nunha peza clave no impulso da economía circular en Galicia e nun exemplo de xestión sostible dos residuos

Ángeles Vázquez subliña que o novo Plan de residuos industriais de Galicia 2023-2030 avanza na súa tramitación e contribuirá a cumprir os obxectivos marcados pola UE en materia de produción, tratamento e reciclaxe dos refugallos do sector industrial

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia anima ao tecido empresarial galego e, máis concretamente, aos empresarios relacionados co sector medioambiental a converterse nun dos motores clave para a implantación da economía circular na Comunidade e nun exemplo de xestión sostible dos residuos.

Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a clausura da asemblea xeral de Viratec, o clúster galego de solucións ambientais e economía circular, que se constituíu hai tres anos e aglutina nestes momentos a un total de 70 empresas e entidades.

Na súa intervención, a responsable autonómica destacou a importancia de que administracións públicas e tecido empresarial vaian da man en materias clave desde o punto de vista medioambiental e da sustentabilidade económica, como pode ser, concretamente, a xestión dos diferentes tipos de refugallos.

Neste sentido, referiuse ao novo Plan de residuos industriais de Galicia (PRIGA), documento actualmente en tramitación e que orientará a estratexia e os obxectivos a acadar neste eido na Comunidade no período 2023-2030, en liña coas directrices marcadas pola UE. A tal fin, explicou que se prevé mobilizar durante os seus oito anos de vixencia un investimento total de 115 millóns de euros, sumando as achegas previstas tanto por parte da Xunta como do propio tecido industrial galego.

Así, Vázquez Mejuto agradeceu ao clúster a súa colaboración neste plan mediante as achegas realizadas ao mesmo a partir do coñecemento experto no eido dos residuos que acreditan os socios de Viratec, subliñando a importancia do PRIGA para promover unha política adecuada para a xestión deste tipo de refugallos, fomentar a prevención na fase de xeración e impulsar o seu correcto tratamento conforme á xerarquía de residuos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023