A Xunta incide en que Galicia ten a oportunidade de despregar a eólica mariña desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, clausurou hoxe en Ferrol o encontro Galician Offshore Internacional Hub, onde subliñou que a Comunidade pode posicionarse como un referente non só a nivel tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración

Pon en valor a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña
 

Ferrol, 3 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, incidiu hoxe en Ferrol, na clausura do encontro Galician Offshore International Hub (GOInterHUB) en que Galicia ten a oportunidade de despregar as enerxías renovables, e a eólica mariña en particular, desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira.

O vicepresidente primeiro apuntou que Galicia pode posicionarse neste contexto como un referente non só a nivel de desenvolvemento tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración. Conde fixo fincapé en que ese obxectivo non pode darse a calquera prezo, xa que por enriba de todo está a preservación dos ecosistemas mariños e a defensa do sector da pesca.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro reivindicou a experiencia de Galicia no eido industrial, poñendo como exemplo a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar, que suma contratos de eólica mariña por valor de preto de 1.300 millóns de euros; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol e agora tamén na antiga planta de Siemens Gamesa; ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña.

Tal e como lembrou o responsable de Economía, Industria e Innovación, Galicia creou o Observatorio de eólica mariña como punto de encontro de todos os axentes implicados para identificar oportunidades e acordar os pasos a dar. Tamén se buscou sinerxías con outras comunidades, a través do Clúster da eólica offshore, xunto con Cantabria e Asturias, para desenvolver unha estratexia compartida que posicione o norte de España como un referente internacional neste eido.

Conde apelou ao diálogo e a que o Executivo central conte coas Comunidades Autónomas, sinalando que aínda está pendente a aprobación da normativa que regule o desenvolvemento dos parques de eólica mariña, así como as poxas para adxudicar a lámina de auga. Neste sentido, Galicia xa propuxo que, para evitar afeccións ao territorio, se adopte un modelo centralizado no que os promotores compartan as infraestruturas de evacuación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023